Friday 22 de November de 2024

O manifesto municipal do 25N reitera o compromiso de todos os grupos de “seguir traballando conxuntamente visibilizando, concienciando e rexeitando a violencia machista ata a súa erradicación”


A praza do Obradoiro acolleu esta mañá o acto principal do Concello de Santiago con motivo da celebración do 25 N, Día Internacional da eliminación da violencia contra as mulleres, no que se leu o manifesto institucional asinado polos catro grupos con representación na corporación.

O manifesto reafirma o compromiso do Concello de “seguir traballando na ruptura do silencio; e sensibilizando e concienciando a cidadanía do problema estrutural que para a nosa sociedade supón a violencia machista”. En palabras da concelleira de Igualdade, que leu o final do texto, “aínda que pareza obvio é o noso deber lembrar que as mulleres non desexamos ser vítimas, non desexamos ser valentes… Queremos ser, simplemente, libres”.

Comezou a lectura do manifesto o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, que lembrou que “a violencia contra as mulleres supón a manifestación máis extrema da desigualdade que existe entre homes e mulleres, como o maior obstáculo para o desenvolvemento dunha sociedade xusta e igualitaria. Todos os grupos aquí presentes compartimos a dor e o sufrimento de tantas e tantas mulleres que sofren violencia, así como dos seus fillos e fillas e da súa familia. A tristura e indignación que sentimos esténdese a toda a sociedade, porque a violencia machista é hoxe a gran ferida da sociedade do século XXI, que só se pode curar con máis igualdade.

O manifesto recolle os datos desta barbarie: “no que levamos de ano, 38 mulleres foron asasinadas no Estado Español a mans das súas parellas ou ex-parellas. Desde o 1 de xaneiro de 2003, cando comezou a contabilidade oficial, o número de mulleres vítimas de crimes machistas é de 1.171.”

Continuou a lectura Goretti Sanmartín, voceira do BNG, que engadiu que “a estes datos hai que sumar 19 asasinatos machistas fóra do ámbito da parella e/ou exparella, correspondentes ao primeiro semestre de 2022. Con esta contabilización dáse cumprimento ao Convenio de Istambul sobre prevención e loita contra a violencia contra as mulleres, e aténdese unha demanda histórica do movemento feminista: que nos rexistros oficiais do Estado se conten tamén casos como o de Jéssica Méndez, a moza de 29 anos do municipio pontevedrés de Barro, asasinada por un veciño, que cargou o seu coche contra ela no pasado mes de marzo, e que agora é oficialmente recoñecida como vítima da violencia machista. E aínda que as estatísticas oficiais non o recollan temos que lembrar hoxe que houbo outra muller en Galicia que perdeu a vida nas últimas semanas en Vigo a mans dun veciño, no que podemos considerar como un feminicidio social”.

En resumo, continúa o texto, “no que levamos de 2022 as cifras son moi alarmantes: 57 mulleres foron asasinadas polas violencias machistas. A cifra de menores orfos e orfas ascende xa a 26. E un menor foi asasinado por violencia vicaria, segundo o conxunto dos datos oficiais coñecidos ata o momento”.

María Rozas, portavoz de Compostela Aberta, destacou que “os crimes machistas son perdas inasumibles nunha sociedade avanzada e moderna. Estamos ante unha cuestión de Estado, de saúde pública e un grave atentado aos Dereitos Humanos. Temos diante unha realidade innegable que nos interpela a todos e todas a unha acción firme en prol da erradicación da violencia contra as mulleres e das actitudes sociais que a toleran, a xustifican, ou mesmo a banalizan. Debemos intensificar esforzos para combater o machismo e condenar todas as actitudes, prácticas e condutas que consenten e reproducen as violencias machistas”.

Lembrou tamén que “Galicia foi pioneira a nivel lexislativo cando xa no ano 2007, a Lei galega para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero ampliaba o concepto de violencia de xénero indo máis alá da relación de parella, e incluía na definición a violencia física, a violencia psicolóxica, a violencia económica, a violencia sexual, o acoso sexual e o tráfico de mulleres e nenas. E que nos últimos tempos, está a avanzar na tipificación doutras formas de violencia, como a violencia vicaria e a violencia dixital”.

María Castelao, do grupo municipal popular, subliñou que “é tempo de que a sociedade tome conciencia e interiorice que, como dixo a Organización das Nacións Unidas, a violencia contra as mulleres é unha vulneración dos dereitos humanos que alcanza proporcións pandémicas. Por iso, todos os grupos políticos aquí presentes unimos hoxe as nosas voces, como xa fixemos noutras ocasións, para manifestar a nosa repulsa cara a todas as formas de violencia recollidas no Convenio de Istambul e sumámonos a todas as voces que claman por un futuro en igualdade e libre de violencias”.

Tamén salientou o apoio a “todas as voces que traballan por un futuro libre de violencias. Ratificamos o noso compromiso co Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e lembramos a necesidade de continuar avanzando no seu desenvolvemento; reivindicamos o papel tan importante que xogan os concellos, neste caso o Concello de Santiago; e comprometémonos a seguir traballando na ruptura do silencio; e sensibilizando e concienciando á cidadanía do problema estrutural que para a nosa sociedade supón a violencia machista”.

Puxo fin ao acto a concelleira de Igualdade, Mercedes Rosón, que deu lectura aos compromisos adquiridos polos grupos asinantes: “continuaremos con esa coordinación continua entre os diversos axentes sociais implicados na violencia contra as mulleres. Debemos mellorar a resposta institucional a todos os niveis, evitando o risco de vitimización secundaria e mellorando a confianza das vítimas; demandaremos a utilización de todos os recursos que sexan necesarios na asistencia, axuda e protección das vítimas, e dos seus fillos e fillas; seguiremos impulsando o debate social para que se considere a violencia de xénero un asunto público. Os concellos somos, a maioría das veces, o primeiro recurso e, en ocasións, o único do que dispoñen as mulleres en procura de reparo e denuncia da violencia que sofren; seguiremos apostando pola formación de todo o persoal do Concello de Santiago coa aprobación do primeiro Plan de Igualdade do Persoal Municipal; apoiaremos o V Plan de Igualdade Municipal 2022-2025, a comezar polo incremento nos próximos orzamentos dos recursos destinados ao CIM, e colaboraremos co movemento feminista compostelán na organización de actividades para a eliminación da violencia contra as mulleres”.

Compostela en negro

A lectura do manifesto súmase ao resto de accións recollidas na campaña Compostela en negro, que, baixo o lema “Por ti, por min, por todas. Nin unha máis”, este ano ten como obxectivo lembrar, a través da realidade aumentada, a todas as mulleres asasinadas por violencia machista en 2022.