Belén do Campo pon en valor o traballo exemplar feito polos xestores desta reserva, a segunda máis recente das 7 declaradas en Galicia, e subliña que os expertos da Unesco están xa a traballar na avaliación dos resultados dos 10 primeiros anos da súa xestión
A Xunta de Galicia concedeu este ano unha axuda de preto de 500.000 euros —concretamente, 487.495,78 euros— ao órgano xestor da Reserva de Biosfera Mariñas coruñesas e Terras do Mandeo co fin de apoialo no financiamento de actuacións de conservación de ecosistemas, desenvolvemento sostible e apoio loxístico.
Así o avanzou hoxe no Parlamento a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, quen respondeu en comisión unha pregunta sobre a protección deste espazo, declarado no ano 2013 e que abrangue un total de 116.724 hectáreas pertencentes a 17 concellos das comarcas da Coruña, Betanzos e Terra de Melide.
Tras lembrar que a Xunta non xestiona esta reserva de biosfera pero colabora e participa nos seus órganos de decisión, a directora xeral explicou que grazas aos fondos asignados este ano ás Mariñas coruñesas promoveranse actuacións de grande interese para esta zona e que incidirán directamente na protección, promoción e preservación dos seus valores naturais e medioambientais.
En concreto, indicou que entre as medidas subvencionadas hai actuacións de mellora das condicións ecolóxicas e paisaxísticas a través da consolidación de sendas existentes na fraga do Xarío, en Miño; un proxecto de conservación, xestión da biodiversidade e mellora da conectividade nas contornas dos ríos Xarío e Baxoi; labores de eliminación e control de especies exóticas invasoras no monumento natural Costa de Dexo; mellora do estado de conservación de castiñeiros; iniciativas para conservar a biodiversidade do río Mero; ou un traballo de seguimento do estado dos hábitats locais, entre outras.
Brañas do Deo e Cova da Serpe, corredores ecolóxicos
Ademais, no caso concreto das zonas núcleo desta reserva de biosfera ao redor das Brañas do Deo e da serra da Cova da Serpe, a directora xeral anunciou que, precisamente, estes dous espazos foron incluídos na proposta de Infraestrutura Verde de Galicia que se someteu este mesmo ano a información pública como zonas de corredor ecolóxico, unha figura que ten por obxecto manter a conectividade ecolóxica e ambiental entre os espazos naturais.
Por todo o exposto, Belén do Campo considerou que “son moitas as actuacións que se poden facer e, de feito, se fan a prol do medio ambiente” no marco da xestión desta reserva de biosfera e puxo en valor, concretamente, o traballo exemplar realizado no caso das Mariñas coruñesas e Terras do Mandeo nos seus case 10 anos de traxectoria desde a súa declaración oficial.
Neste sentido, subliñou que o pasado mes de setembro, o comité español do programa Man and Biosphere —previo informe positivo do órgano científico— elevou ao comité internacional da Unesco o seu ditame decenal sobre a Reserva de Biosfera Mariñas coruñesas e Terras do Mandeo, que, previsiblemente, dará a coñecer a súa valoración final no mes de maio.
De feito, do Campo indicou que, á espera da decisión definitiva dos expertos da Unesco, as expectativas son boas e apuntan a que avalarán o traballo feito neste espazo durante a última década.