Estudantes dos coles de San Isidro e Maciñeira, e do IES Fernando Esquío, encabezaron a andaina, que partía do Albergue e concluía na praza da consistorial con lecturas, cancións e performances a cargo dos/as escolares
Hoxe, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, o alumnado dos coles de San Isidro e Maciñeira e do IES Fernando Esquío encabezaba a Marcha polo Bo Trato convocada polo Concello de Neda.
Pasadas as once da mañá iniciaban a andaina dende o Albergue Municipal de Peregrinos, portando mensaxes reivindicativas contra a violencia de xénero, e acompañados/as no seu percorrido por Protección Civil.
Alcanzaban a praza da casa consistorial media hora despois, para tomar a palabra e ler diferentes textos elaborados nas aulas centrados, especialmente, na igualdade e condea da violencia. Frases curtas e redaccións máis amplas misturáronse nas intervencións dos diferentes cursos, nas que tamén houbo música e performance – neste caso, un baile con música de Rozalén á que a rapazada puxo letra en lingua de signos-.
O acto, centrado nos máis novos e novas, concluíu coa lectura dunha declaración institucional, disponible na web municipal.