Saturday 16 de November de 2024

Un videofórum no Elma convida á reflexión sobre a violencia machista co gallo do 25-N


A Pobra do Caramiñal conmemora o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, neste 25 de novembro, cunha programación que se fai extensiva a todo o mes. Coas actividades deseñadas, a Concellaría da Igualdade, da cal é titular a edil Charo Varela (Nós Pobra), pon o foco na importancia da educación en igualdade como base da prevención e erradicación da violencia de xénero.

Nesta xornada procederase cun videofórum no teatro cine Elma, ás 19.00 horas. Proxectaranse as curtametraxes El orden de las cosas, Libre directo e As mulleres falan para ter un posterior debate moderado pola xornalista Marga Pazos. O acto será introducido pola lectura dun manifesto.

A praza do Emigrante contará no día 26, en horario de mañá, co stand Agresión Off: Eu digo non á violencia de xénero. Esta iniciativa ten como obxectivo a loita contra as violencias exercidas nas mulleres a través de obradoiros de sensibilización e actividades lúdicas da man da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, para tódolos públicos.

O programa fai fincapé nos centros educativos do municipio. Troskita leva sesións de contacontos aos colexios da infantil e primaria para que o estudantado adquira estratexias para a resolución pacífica dos conflitos.

Así mesmo, os cursos de 5.° e 6.° da primaria reciben na Casa da Mocidade un obradoiro creativo artístico-dixital contra a violencia consistente na fabricación en 3D dun chaveiro con motivo do 25-N acompañado de xogos interactivos para a sensibilización sobre a prevención da violencia de xénero.

Esther Buela, protagonista do libro Calladita no eres más bonita, relatou no CPR Divino Maestro, no 22 de novembro, e fará o propio no IES da Pobra do Caramiñal, no 1 de decembro, a súa experiencia vital como vítima de violencia machista. O texto plasma a historia de varias mulleres novas que sufriron esta eiva social.

Alumnado do instituto asiste tamén nestas semanas ao coloquio Violencia de xénero e o novo contexto dixital impulsado pola Secretaría Xeral da Igualdade. Aquí abórdase a prevención das novas formas de violencia que xorden nun mundo dixitalizado.

Doutra banda, continúase co proxecto Muller Dixital, impulsado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade que chega á localidade coa colaboración da Concellaría da Igualdade. Esta acción formativa procura que mulleres desempregadas ou en mellora de emprego adquiran competencias dixitais para así reduci-la fenda de xénero a través da capacitación dixital. As clases impártense de luns a venres na aula de estudo situada na planta superior da biblioteca municipal e contan con 20 participantes.

A casa da cultura e xuventude Raquel Fernández Soler acubilla dende mediados de novembro e ata o día 15 de decembro a mostra Nós somos elas, que se estrutura sobre a visión de vinte e catro poetas arredor de imaxes do Arquivo Vidal protagonizadas por mulleres. Fotografías e palabras, pasado e presente conflúen nesta exhibición que recala na vila coa cooperación da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda e a área da Igualdade da Deputación da Coruña.

Ademais, segue aberto o prazo do concurso de ideas para a escultura en homenaxe ás vítimas da violencia de xénero. A obra gañadora estará premiada cunha dotación económica de 3 000 euros, a entrega dun diploma e a adxudicación da realización da talla por un importe máximo de 9 000 euros. A segunda mellor valorada será galardoada cun accésit. As bases completas están ao dispor en www.apobra.gal.

No que respecta ás artes escénicas, Compañía Eléctrica subiu ás táboas do Elma no día 12 coa peza Miss Docet para lle achegar ao público a figura de Emilia Docet, muller viguesa coñecida por se-la Miss España Galeguista, quen destacou como nadadora durante a República, estudou para ser perita mercantil e formou parte do Partido Galeguista. Recupérase así, dende a escena, a memoria histórica e o papel de loita dunha xeración de galegas que fixeron vale-los seus dereitos a pesar das represalias da época. A función representouse ao abeiro do programa de Igualdade da Deputación da Coruña.

Novamente, a Administración local aposta por seguir adherida á campaña DE FRONTE á violencia de xénero, promovida pola Deputación da Coruña, ademais de continuar coa difusión de En Negro Contra as Violencias, que tanta repercusión tivo anos atrás.