Friday 22 de November de 2024

A corporación local aproba por unanimidade unha declaración institucional con motivo da conmemoración do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia machista


Os grupos municipais de Terra Galega, PSdeG- PSOE, BNG e PP, que forman a corporación local do Concello de Narón, aprobaron por unanimidade na sesión plenaria celebrada hoxe unha declaración institucional con motivo da conmemoración do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia machista na que se recollen as seguintes manifestacións: Ratificar o compromiso do Concello de Narón co Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero lembrando a necesidade de continuar avanzando no seu desenvolvemento e na súa renovación e actualización, así como o especial papel que xogan os Concellos no mesmo. Seguir traballando na ruptura do silencio, a sensibilización e concienciación á cidadanía do problema estrutural da sociedade que supón a violencia machista. Instar á mellora na coordinación continua entre os diversos axentes sociais implicados na violencia contra as mulleres. Debemos mellorar a resposta institucional a todos os niveis, evitando o risco de victimización secundaria e mellorando a confianza das vítimas. Demandar a utilización de todos os recursos que sexan necesarios na asistencia, axuda e protección das vítimas, os seus fillos e fillas. Manter o compromiso do Concello de Narón a seguir impulsando o debate social para que o público deixe de ser privado. Os Concellos somos a maioría das veces o primeiro recurso e, en ocasións, o único do que dispoñen as mulleres en procura de reparo e denuncia da violencia que sofren. Instar a todas as administracións a dar un impulso á formación dos axentes implicados para garantir unha resposta especializada e integral ás vítimas. Demandar da Xunta de Galicia, atendendo aos informes feitos pola FEGAMP, a aprobación dun programa de ampliación e extensións dos CIM, reforzando o financiamento anual dos mesmos de tal maneira que este cubra os custes de persoal e de mantemento, así como o desenvolvemento de actividades e programas de prevención da violencia machista e de promoción da igualdade. Continuar colaborando coas asociacións da sociedade civil que loitan contra a violencia machista e traballan pola igualdade de homes e mulleres. Expresar o apoio do Concello de Narón a todos os actos e mobilizacións feministas convocadas ao abeiro do 25 de Novembro contra a violencia machista.
Entre outros asuntos tamén se aprobaron por maioría dúas modificacións de crédito así como a modificación da ordenanza fiscal nº1 xeral de xestión, recadación e inspección.
No apartado de mocións, foi aprobada por unanimidade a moción presentada polo Partido Popular sobre urbanización da DP-5406, Avenida Miguel de Cervantes. Se aprobaron por maioría dúas mocións presentadas polo BNG, unha moción relativa a instar ao Goberno galego a tomar as medidas para o fomento do sistema de transporte público por estrada, e outra moción sobre problemas na infraestrutura do centro de saúde. Tamén se aprobou por maioría unha moción presentada polo PSdeG-PSOE para instar á Xunta de Galicia a que cumpra co Pacto e o Fondo de Cooperación Local.