Friday 22 de November de 2024

O goberno de Cabanas amosa a súa preocupación polo cambio de criterio da Xunta sobre o Parque Eólico Caaveiro


O cambio de criterio da Xunta supón a eliminación de obstáculos para que o Estado continúe coa súa tramitación

O goberno municipal de Cabanas amosa a súa preocupación polo acordo adoptado polo Consello da Xunta a semana pasada de declarar “a función vertebradora” dos parques eólicos que se prevén despregar na contorna, entre eles o de Caaveiro, que implica a instalación de tres muíños no termo municipal de Cabanas.

Desde o Concello lémbrase que a Xunta informou de maneira desfavorábel sobre todos os proxectos de tramitación estatal (aqueles que superan os 50 Mw de potencia) que se atopaban fóra da delimitación das zonas de desenvolvemento do Plan Eólico de Galicia. Porén, o Goberno galego tramitou a modificación da Lei 9/2021, de 25 de febreiro, para abrir ao porta ao asentamento de parques fóra desas áreas no suposto de que estes tivesen “unha clara incidencia territorial pola súa entidade económica e social, unha función vertebradora e estruturante do territorio e que sexan declarados como tales polo Consello da Xunta”.

“Esta modificación da Lei supuxo na práctica abrir a porta a que o oligopolio eléctrico poida espoliar os nosos recursos a discreción, e sen recibir a cambio un retorno social e económico no territorio”, sinalou o goberno local de Cabanas, quen lamentou tamén a “falta de criterio” da Xunta.

No seu momento, o goberno de Cabanas avaliou nas súas alegacións as repercusións negativas que tería a implantación deste parque eólico sobre o patrimonio histórico, natural e paisaxístico de Cabanas. “Nin estas alegacións, nin as presentadas pola veciñanza tiveron aínda resposta.