O Concello é pioneiro en Galicia na posta en funcionamento da quinta fracción da recollida selectiva.
O tenente alcalde e edil de Medio Ambiente, José Ramón Martínez Barbeito, representou ao Concello da Laracha na xornada orientada á implantación do contedor marrón que se celebrou hoxe lo municipio lucense de Cervo baixo a organización de Sogama e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia. O acto enmarcouse no programa de actos en conmemoración da Semana Europea da Prevención de Residuos.
O Concello da Laracha foi convidado como municipio pioneiro na implantación da quinta fracción de recollida selectiva e como exemplo de xestión dos colectores marróns de orgánicos.
Martínez Barbeito detallou as accións informativas e divulgativas levadas a cabo polo Concello desde meses antes da posta en marcha do servizo en febreiro de 2020, o bo uso por parte da cidadanía dos colectores marróns que se reflicte na baixa porcentaxe de impropios que se depositan neles (un 5 % segundo a última caracterización realizada por Sogama) e os beneficios que está a significar tanto no aspecto medioambiental como no económico pola máis eficiente xestión dos residuos.
A xornada concluíu cunha visita guiada ás obras da planta de biorresiduos que se está a construír en Cervo.
Cabe lembrar que o contedor marrón está implantado nos tres núcleos urbanos do municipio (A Laracha, Paiosaco e Caión) e na urbanización Monte Claro de Cabovilaño. Calquera persoa que desexe sumarse ao programa, debe solicitalo no Concello ou cubrindo o formulario na web municipal. Para facilitar a separación dos residuos orgánicos recibirán un “kit de voluntariado marrón” consistente nunha chave para abrir os contedores, un cubo ventilado e bolsas compostables.