Carme Varela foi a gañadora dos VI Premios SELIC de creación literaria na modalidade de teatro, pola súa obra ‘Faise o escuro’. Purificación Cabido Pérez recibiu un accésit pola obra ‘Areanegra na Casa Encantada’ na categoría de ensaio.
A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, anunciou hoxe o fallo do xurado correspondente á edición deste ano dos Premios SELIC deste ano. Na rolda de prensa estivo acompañada por Carme Varela, gañadora na categoría de teatro coa obra ‘Faise o escuro’, e Purificación Cabido, que recibiu un accésit polo ensaio ‘Areanegra na Casa Encantada’.
Rosón felicitou as gañadoras pola calidade dos textos presentados e pola consecución do premio, que “por segundo ano consecutivo gaña unha obra de teatro escrita por unha muller. Tamén é de destacar, que por primeira vez, é premiada unha obra de ensaio, escrita tamén por unha muller”.
A concelleira puxo voz ao fallo do xurado, que concedeu o premio a ‘Faise o escuro’ “pola fluidez, o ritmo da peza, a fondura emocional e psicolóxica da construción dos personaxes femininos e a súa relación, orgánica e non só incidental, coa cidade de Compostela”, e tamén destacou da obra a súa capacidade de romper “a cuarta parede e outros recursos metateatrais ao servizo dunha estrutura ben conseguida”.
Segundo o xurado, concedeuse o accésit á obra ‘Areanegra na Casa Encantada’ por ser “unha crónica persoal de grande interese divulgativo”. A obra relata a experiencia do colectivo Areanegra tras o afundimento do Prestige, “unha loita que nace das marxes para converterse nun fito social do asociacionismo na nosa historia próxima”.
O Premio SELIC ten unha dotación de 6000 euros e de 1500 para o accésit, así como a publicación da obra na colección SELIC que edita o Concello de Santiago.
O xurado que seleccionou a obras gañadora dos IV Premios SELIC de creación literaria estivo integrado por Ana Cabaleiro, Agustín Agra, Eli Ríos, Vítor Vaqueiro e Berta Dávila.
Carme Varela
Nada en Duomes (A Baña) en 1970, Carme Varela é licenciada en Filoloxía Galega e máster en Xestión cultural pola Universidade de Barcelona. A súa conexión co teatro comeza na época de estudante no grupo universitario EIS e na compañía Os Quinquilláns. Traballou como secretaria técnica da Fundación Castelao e no campo da produción e distribución teatral coas compañías Ollomoltranvía e Mofa e Befa. Foi directora de produción no Centro Dramático Galego e dende o ano 2007 está ligada á empresa de comunicación Atlantis Multimedia.
O seu primeiro texto teatral ‘As desterradas’ recibiu o XXV Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais (edición 2020). O texto foi creado como unha actividade para desenvolver no seo da asociación de patrimonio medieval O sorriso de Daniel da que é secretaria e que axudou a fundar no ano 2010.
Purificación Cabido
Licenciada en Filoloxía Francesa e Filoloxía Galego-Portuguesa, Purificación Cabido é catedrática de lingua e literatura francesa no IES de Cacheiras. Ademais, traduciu ao galego o libro de Hélène Cixous ‘La prise de l’école de Madhubai’ e ten publicado algúns artigos en revistas de innovación educativa ou feministas.