Friday 22 de November de 2024

As achegas veciñais ao orzamento participativo de San Sadurniño debateranse este venres ás 19:00h na Casa da Cultura


O Concello convoca unha asemblea aberta na que se priorizará a execución das ideas recollidas nas últimas semanas

A área de Participación Veciñal pechou o venres pasado o prazo para presentar propostas dentro do proceso do orzamento participativo 2023, que puideron achegarse indistintamente a través do rexistro municipal, da sede electrónica ou dun formulario habilitado en google con esa finalidade. En total recibíronse 25 iniciativas que abranguen melloras moi diversas, aínda que a maioría delas se centran en peticións relativas a infraestruturas e servizos básicos. Unha vez sistematizadas por parte da concellaría, as ideas veciñais debateranse e priorizaranse este venres 25 de novembro a partir das 19:00h na Casa da Cultura nunha convocatoria aberta a toda a veciñanza, fixese ou non propostas.

O Concello retomou neste 2022 a recollida de achegas veciñais ao orzamento tras dous anos interrompido por mor da situación de pandemia. A reanudación do proceso participativo saldouse con solicitudes arredor das infraestruturas, como o arranxo de pistas e camiños ou a ampliación de saneamentos. Tamén as hai relativas á recollida do lixo e á mellora de equipamentos socioculturais e deportivos, así como a de espazos de lecer.

“Recibíronse algunhas propostas moi interesantes e novidosas, así como outras que será necesario desbotar debido a que son demasiado xenéricas, irrealizables pola súa complexidade ou por significar custes inasumibles ou desproporcionados en relación co beneficio social que se obtería. Aínda así, incluso as que non se vaian poder levar a cabo conteñen ideas e contribucións valiosas das que podemos e debemos tomar nota para aplicalas en futuros proxectos municipais. Tamén hai algunha solicitude que excede as competencias municipais, o que non quita de que o Concello poida canalizala á Xunta ou outro organismo que si sexa competente na materia”, explica o titular da área de Participación Veciñal, Manolo Varela.

En calquera caso, as ideas recollidas nas últimas semanas centrarán o debate organizado para este venres a partir das 19:00h, co obxectivo de “consensuar as prioridades coa veciñanza”, apunta Varela, seguindo para iso os criterios que se viñeron aplicando en anteriores convocatorias do orzamento participativo, como por exemplo “que sexan realistas, que alcancen ao maior número de persoas posible e que o Concello poida executalas con recursos propios ou con axuda doutras Administracións, ademais de ser capaz de asumir despois os seus custes de mantemento”.

O concelleiro pon en valor un sistema posto en marcha de maneira pioneira en 2008 “co que se lle dá voz e poder de decisión á xente” e que desde aquela se materializou na execución de numerosos proxectos. Segundo Manolo Varela, o proceso participativo tamén serviu “para normalizar a relación da veciñanza co Concello” no sentido de que ao longo do ano, á marxe da convocatoria do orzamento, “recíbense múltiples solicitudes de particulares e entidades ás que se lles van dando resposta na medida do posible. As veciñas e veciños en realidade participan constantemente na vida municipal, e iso quizais sexa resultado da proximidade propia dos concellos pequenos e rurais coma o noso e do pouso que foron deixando nos últimos anos os sucesivos procesos do orzamento participativo”

A reunión de debate do orzamento participativo será aberta a toda a veciñanza e entidades de San Sadurniño “e non só a aquelas persoas ou colectivos que presentasen propostas”. Do encontro sairá un listado de actuacións ordenado que o Goberno local incorporará “na medida do posible” ás contas municipais do ano que vén -en preparación neste momento- ou a unha bolsa de ideas que se irían executando en seguintes.