Foi o encargado de dar o pregón da celebración na honra a San Francisco. Alí definiuse como “un rapaz de aldea que se sinte orgulloso, honrado e agradecido por tal ofrecemento”
O barrio ordense do Piñeiro viviu hoxe unha xornada festiva na honra a San Francisco. Xa dende ben cedo o pasacalle a cargo do grupo de gaitas Os Viqueiras de Ordes anunciaban a dita celebración con sons e ritmos populares. Non foron os únicos en poñer unha nota de cor tradicional, xa que tamén se contou coa actuación da Agrupación Folclórica Sementes da Arte e a do grupo local Ritmo Galego.
Tras a misa solemne chegou o momento do pregón, honor que este ano recaíu na persoa de José Luis Martínez Sanjurjo, alcalde de Ordes. Un momento que aproveitou para agradecerlle aos veciños e veciñas a súa confianza ao elexilo como tal. Sanjurjo definiuse como un “rapaz de aldea”, parafraseando a Neira Vilas na súa obra ‘Memorias dun neno labrego’, e declarou estar orgulloso da “identidade propia” dos barrios que conforman a vila de Ordes. Falou tamén da confianza no poder de convocatoria “das nosas festas” nas que se poden acadar cousas que non se conseguen con cartos, como “estar cos amigos e coa xente dun”.
Ao acto tamén acudiron outros membros do seu equipo de goberno, os cales non deixaron pasar por alto a oportunidade de desfrutar deste día, no que a orquestra Zeltia fixo bailar a todas e todos de maneira animada.