O Concello de Frades, en colaboración con Cáritas, organiza unha recollida de alimentos para as familias necesitadas do municipio. A campaña, que se organiza por noveno ano consecutivo, abrirase mañá xoves 24 de novembro e a recollida estará aberta ata o 21 de decembro.
Este ano mantéñense os tradicionais sete puntos de recollida: o supermercado Loli e o salón de peiteado Patricia Tacón (Abellá), os supermercados Claudio e Tandy (Ponte Carreira), a Cooperativa Central de Frades (Ledoira), o CPI Ponte Carreira e a propia Casa do Concello. Poderán entregarse alimentos básicos: leite, aceite, azucre, pasta, arroz, legumes, conservas… que non estean caducados, non teñan superado a data de consumo preferente e estean debidamente etiquetados.
O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, agradece por adiantado “a colaboración tanto de Cáritas como dos distintos establecementos e entidades que colaboran nesta recollida. Toda axuda é benvida e estou convencido de que os veciños e veciñas de Frades volverán demostrar un ano máis a súa extraordinaria solidariedade para axudar ás familias máis necesitadas nestas datas tan sinaladas”.
De feito, durante as anteriores edicións se recolleu unha media de 400 quilos de alimentos por campaña. Agora, o Concello de Frades fai un novo chamamento á colaboración da veciñanza e pon á súa disposición os teléfonos dos Servizos Sociais municipais (981 69 55 67) e de Cáritas (647 120 228) para resolver calquera dúbida.