Para este xoves 24 de novembro ás 19:30h está convocado o derradeiro pleno ordinario do ano, que leva cinco puntos na parte resolutiva e as habituais de dación de contas e rogos e preguntas. No tocante a asuntos para deliberación e acordo destaca a proposta para que San Sadurniño se integre no programa provincial de prevención da fraude, centrado inicialmente nunha xestión limpa e transparente dos fondos europeos Next Generation. Tamén se votará a integración do Concello na central de contratación da FEMP, co obxectivo de obter condicións máis vantaxosas en obras, servizos e subministracións. A orde do día inclúe, ademais, unha moción rexistrada polo BNG en demanda de melloras da calidade do transporte público por estrada e a proposta de declaración institucional con motivo do 25N.
O acordo relativo ao Plan Xeral de prevención de riscos e medidas antifraude impulsado pola Deputación da Coruña, denominado PREMADECOR, ten por obxectivo delegar no ente provincial as competencias en materia de avaliación de riscos de cada expediente financiado a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) con fondos europeos Next Generation. Trátase dunha esixencia da propia Unión Europea, quen establece a obriga de que as Administracións perceptoras ou executoras das axudas conten con mecanismos independentes de prevención da fraude, de cara a que os fondos se apliquen sen sombras de corrupción e co destino final para o que foron concibidos.
Neste sentido, o PREMADECOR da Deputación ocuparase de analizar os riscos, o impacto e probabilidade de que se produzan sistuacións fraudulentas, ademais de facer seguimento dos expedientes atendendo a catro elementos clave: prevención, detección, corrección e persecución dos casos detectados, que poderían significar a devolución das axudas e as sancións correspondentes.
No seguinte punto, o pleno municipal tamén votará a integración de San Sadurniño na Central de Contratación impulsada pola Federación Española de Municipios e Provincias. Este organismo negocia acordos con empresas subministradoras de bens e servizos -equipamentos, enerxía, seguros, etc.- que polas súas características sexan susceptibles de seren empregados con carácter xeral polas entidades locais, de maneira que poidan beneficiarse de prezos e condicións máis vantaxosas.
Os concellos, como neste caso o de San Sadurniño, poden contratar obras e outras subministracións a través desta central, cumprindo sempre a normativa sobre licitacións públicas. Malia que a adhesión á central é obrigatoria para poder acceder ás condicións que ofrece, o seu uso é voluntario, de maneira que o Concello poderá elixir en cada momento se contratar directamente ou por medio da plataforma da FEMP, dentro do catálogo de acordos marco que a federación teña subscritos.
Declaración Institucional do 25N e moción nacionalista sobre o transporte
Os dous últimos asuntos que se tratarán no pleno serán o da aprobación da declaración co gallo do Día Internacional da eliminación das violencias contra as mulleres e nenas -que foi validada polos grupos políticos na Comisión Informativa- e unha moción presentada polo BNG demandando a mellora do servizo de transporte público por estrada. Entre outras cuestións, o BNG solicita o reforzo de itinerarios, horarios e paradas, tarifas planas para persoas usuarias recorrentes -ademais de bonificacións aplicadas con criterios sociais- e a gratuidade do servizo para estudantes.
No tramo final da sesión tamén haberá quenda de rogos e preguntas, un apartado que adoita ocupar boa parte da duración total dos plenos. Como vén sendo habitual, e salvo incidencias técnicas, a convocatoria emitirase ao vivo a través de Facebook e a gravación sonora estará dispoñible en iVoox pouco despois da súa finalización.