O Ministerio de Fomento acaba de outorgar o permiso ao Concello para facer as beirarrúas na N-550, que serán licitadas o antes posible
O Concello de Oroso vén de investir case 60.000 euros na construción de beirarrúas e na instalación de novo alumeado público na rúa da Ulloa, concretamente nos accesos á gardería municipal da Ulloa. Uns traballos iniciados o pasado mes de setembro e que estarán rematados nos próximos días.
Estas novas beirarrúas dan continuidade ao medio quilómetro de beirarrúas construídas polo Concello de Oroso ao longo da marxe dereita da Avenida de Compostela (N-550) para unir o centro da capital do municipio coa gardería da Ulloa. Uns traballos que supuxeron un investimento de case 100.000 euros e que melloraron notablemente a seguridade viaria dos peóns que circulan por esta zona, especialmente das familias que levaban aos seus pequenos á escola infantil.
Permiso de Fomento
Así mesmo, o Concello de Oroso acaba de recibir a autorización do Ministerio de Fomento para construír unha nova beirarrúa na zona, en concreto na marxe esquerda da N-550: entre a alameda de Góis e as beirarrúas de acceso ao CEIP Oroso. Unhas obras que o alcalde Manuel Mirás agarda poder licitar canto antes e que “unidas ás novas beirarrúas da Ulloa suporán unha importante mellora na seguridade viaria desta zona, especialmente para os nenos e nenas que acoden aos centros educativos”. Mirás indica que as beirarrúas estarán separadas da N-550 por unha varanda de seguridade.
Ante as alarmistas declaración do voceiro do PP, o alcalde orosán admite que “somos conscientes de que levamos máis dun ano traballando neste tema, pero tivemos que adaptar en varias ocasións o noso proxecto aos límites e esixencias que nos impuxo o Ministerio de Fomento”. Neste sentido, Mirás lembra como “inicialmente solicitamos poñer un semáforo para aumentar a seguridade dos cativos que viñan da outra marxe da N-550, pero non foi autorizado. E o paso de peóns que pedimos tamén o cambiaron de lugar. Pero agora todo está listo e agardamos que as beirarrúas poidan realizarse canto antes”.
Mirás Franqueira lémbralle tamén ao voceiro do PP que durante estes meses tamén se acometeron os accesos ao CEIP Oroso a través do Carboeiro e que só falta o tramo na N-550. “Ao igual que as obras do acceso sur á AP-9 van con algo de atraso sobre o inicialmente previsto, as beirarrúas da N-550 tamén, pero considero que é unha esaxeración e un alarmismo inxustificado o que está a facer o señor Doval, sobre todo cando o Concello cumpriu coa esixencia plantexada pola comunidade educativa do CEIP Oroso, que era o de arranxar os accesos polo paseo do Carboeiro”, remata Mirás.
Finalmente, o alcalde orosán insta ao voceiro local do PP a que “deixe de utilizar a mentira nas súas argumentacións, aínda que iso supoña que as notas de prensa non lle queden tan alarmistas”. Neste sentido, compre lembrar que o compromiso de ter rematadas as beirarrúas en setembro do ano pasado se correspondía coas beirarrúas entre a rotonda da N-550 e o colexio. “É certo que non puidemos cumprir co calendario que nos propuxemos con esas beirarrúas e que a obra se alongou máis do esperado”, recoñece Mirás Franqueira, “pero coas da N-550 sempre dixemos que dependería de cando tiveramos a autorización de Fomento”.