O Concello de San Sadurniño rexistrou recentemente un escrito instando á Xefatura territorial da Consellaría de Educación para que se solucionen varios “problemas e eivas” detectados no CPI. Trátase de deficiencias relacionadas coa envolvente, o illamento, as cubertas e o sistema de calefacción, principalmente no edificio de Primaria, o máis antigo dos dous que compoñen as instalacións educativas. Neste sentido, o Concello solicita da Xunta “que acometa as melloras indicadas”, por consideralas “imprescindibles” para prestar un servizo de calidade.
O listado de reparacións que requiren as dependencias do CPI sae dunha avaliación efectuada polo Concello durante as intervencións do verán e das demandas expresadas tanto polo profesorado como polas nais e pais no seo do Consello Escolar.
“Aproveitando as vacacións sempre se lle dá un repaso ás instalacións facendo pequenas reparacións necesarias que se complementan durante o curso coas que fai o propio conserxe ou o departamento municipal de obras. Pero hai deficiencias de maior calado que debe solucionar a Consellaría, xa que sobrepasan as competencias e a capacidade económica do Concello”, explica Secundino García.
O rexedor cursou a finais de outubro unha comunicación dirixida á Xefatura territorial de Educación detallando aquelas actuacións máis urxentes tanto no edificio de Primaria, que fai este ano os 50 anos, como no de Secundaria.
Para as dependencias máis antigas solicitouse a substitución da uralita que cobre a casa do conserxe e o comedor, debido ao seu contido en amianto. Tamén se apunta como “recomendable” a impermeabilización das fachadas por causa dos desperfectos que presenta e polo feito de que “leva moitos anos sen pintar”. En canto ao illamento, no escrito pídese, ademais, o cambio das persianas e a renovación das canles e baixantes de pluviais.
A relación de arranxos necesarios inclúe a demanda de que se substitúan as caldeiras de gasóleo dos dous edificios, “de máis de 20 anos de antigüidade”, por sistemas de menor consumo e máis eficiencia. Ademais, no caso das instalacións de Secundaria -onde o Concello asumiu non hai moito tempo os custes de impermeabilización da fachada e de instalación de canalizacións- a solicitude insta á Consellaría a que acometa o cambio da cuberta do ximnasio e a que se faga unha reparación integral do aparcadoiro interior do recinto escolar.
Segundo insiste o alcalde, as melloras solicitadas á Consellaría de Educación, Universidade e Formación profesional pretenden “resolver os problemas e eivas para asegurar a boa calidade do servizo que se presta no CPI”. Secundino García reiterou que os traballos de mantemento e conservación das dependencias educativas “son unha competencia da Consellaría” e que, polo tanto “debe ser a Xunta quen asuma as reparacións, en vez de ser os concellos quen nos vexamos abocados a facernos cargo delas con recursos moi limitados”.