Unha quincena de mulleres de Frades e de Mesía participan dende hoxe nun curso de competencias dixitais básicas organizado pola asociación Muller Dixital e que terán lugar na Casa da Cultura de Mesía ata o vindeiro 2 de decembro. Durante esas corenta horas poderán adquirir as competencias dixitais básicas que lles permitirán aproveitar as posibilidades que ten o acceso á información, o procesamento e uso para a comunicación, a creación de contidos, a seguridade e a resolución de problemas básicos.
A tenente de alcalde de Mesía, Pilar Sánchez Ulloa, e o concelleiro de Ensino, Manuel Ferreiro Marzoa, asistiron esta mañá á primeira das oito xornadas lectivas programadas, ademais dun módulo de igualdade que se impartirá este venres coincidindo coa conmemoración do 25N. Sánchez e Ferreiro coincidiron en salientar a importancia deste tipo de accións formativas dirixidas a mulleres desempregadas á hora de mellorar as súas competencias laborais, lembrando que o curso dá dereito a un certificado da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade. Ademais, todas as participantes levarán como agasallo a tablet coa que realicen o curso.
Esta iniciativa da asociación Muller Dixital está organizada en colaboración cos Concellos de Frades e de Mesía e conta coa financiación da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia dos fondos NextGeneration.