Saturday 16 de November de 2024

O BNG lamenta que Ribeira vaia carecer de Orzamentos pola negativa de Ruiz a negociar


O BNG lamenta que a negativa do alcalde, Manuel Ruiz, a negociar os Orzamentos condene a Ribeira a non ter unhas contas actualizadas coas que responder ás demandas sociais e afrontar a crise económica.

Segundo a formación nacionalista, o goberno local presentou os Orzamentos de 2022 como un documento pechado e negándose a negociar nin un céntimo. Ademais, recriminan que a pesar da propaganda as contas nin eran históricas, nin respondían ás demandas sociais da veciñanza. Denuncian que as contas que presentaron no pleno celebrado onte, “son o reflexo dun goberno esgotado e sen ambición, empeñado en dilapidar cartos en grandes obras que acaban multiplicando o seu prezo no canto de atender as demandas veciñais”.

O portavoz do BNG, Luís Pérez Barral, recriminou o desleixo do goberno local ao presentar as contas 324 días máis tarde do que marca a lexislación e a baixa execución das contas doutros anos. “Dos Orzamentos de 2020 deixaron sen investir o 46% dos cartos consignados e nas do 2021 non investiron o 54% do total. De que vale aprobar unhas contas que despois non se executan? preguntouse Barral para logo denunciar que a parálise do goberno provoca que as necesidades da poboación estean sen atender.

Pérez Barral fixo un repaso polos principais incumprimentos do goberno local á hora de resolver os problemas en obras que teñen paralizadas ou incrementaron de maneira desorbitada o seu custo inicial, o que lle valeu para sentenciar que eran “as contas da mentira e do incumprimento”. “Duplicaron o gasto do auditorio pasando de 2,5 a 4,4 millóns de euros, o centro social de Carreira leva desde 2012 en obras, o centro social de Corrubedo segue sen rematar a súa reforma integral desde 2018, a reforma do parque Pedra Pateira está agarando desde o ano 2017 e a tan necesaria estación de autobuses foi prometida no ano 2014 e aínda non está rematada” sentenciou.

Por outra banda, recriminaron que haxa proxectos paralizados como o caso da sede do Club de Remo, a nova biblioteca ou o rescate do aparcadoiro do Centenario para que pase a ser público. No tocante ao emprego, Pérez Barral criticou o triunfalismo do PP xa que “hai 1230 desempregados e que nos 32 anos de goberno popular aínda non temos chan industrial onde asentar empresas mentres os anuncios de empresas que deciden ampliar fóra de Ribeira se suceden e xa prevén crear 400 empregos lonxe do municipio”.

No ámbito impositivo denuncian que os Orzamentos pretendían subir os impostos e taxas á veciñanza pois prevían recadar 4,7 millóns de euros por auga, lixo, saneamento e sumidoiros mentres que ás grandes eléctricas e telefónicas tan só lles cobrarían 280.000 euros por todo o espazo público que utilizan. “Estas grandes empresas deben tributar máis porque están gañando con esta crise de prezos pero vostedes condenan á veciñanza a pagar polas malas decisións adoptadas polo Partido Popular cando, por exemplo, escolleu este caro e ineficiente modelo de saneamento maneira unilateral”.

Capricho e vontade de diálogo

Desde o BNG cargan duramente contra o rexedor por levantar a sesión plenaria sen rematar os puntos da orde do día cando se ía aprobar a nova Relación de Postos de Traballo que ía mellorar as condicións laborais dos empregados municipais. “Enfadouse porque non aceptamos a súa chantaxe para aprobar os Orzamentos e retirou a aprobación da RPT a pesar de que legalmente si se podía aprobar”.

O BNG lamenta esta actitude do alcalde pero mostra a súa disposición a negociar e aprobar todo aquilo que sexa positivo e beneficioso para a sociedade ribeirense. “Dixémoslle non a estes orzamentos do Partido Popular porque non daban resposta ás demandas da veciñanza, incumprían e consolidaban impostos altos pero seguimos traballando facendo propostas que redunden no beneficio da poboación” argumentou Barral.