Friday 22 de November de 2024

O Plan Director e Estratéxico do Camiño de Santiago revela o perfil do peregrino actual


O informe reflicte que o 52,24% dos peregrinos que chegaron a Compostela no pasado ano proviñan do estranxeiro

Un total de 237.886 peregrinos selaron a súa Compostela ao longo do pasado ano 2014, o que supuxo un incremento en relación ao ano anterior do 10,2% acadando un máximo histórico nun Ano non Xacobeo. Destes, máis da metade proviñeron do estranxeiro, supoñendo os peregrinos internacionais o 52,24%.

Así o reflicte o amplo estudo do perfil do peregrino que inclúe o Plan Director e Estratéxico do Camiño de Santiago aprobado pola Xunta de Galicia na pasada semana.

O informe reflicte que o 68,10% dos peregrinos que chegaron a Compostela no pasado ano o fixeron pola vertente francesa do Camiño, a ruta xacobea máis transitada durante o pasado ano. Ao Camiño Francés seguíronlle, por orde de importancia, o Camiño Portugués, que acolleu o 10,92% do total dos peregrinos, e o Camiño do Norte co 6,34% pola súa parte.

En relación á procedencia, os peregrinos italianos lideraron a clasificación de peregrinos internacionais, ao achegar o 8,51% do total, superando a Alemaña que supuxo, neste caso, o 6,87%. En canto á procedencia nacional, Madrid segue sendo a Comunidade da que chegan máis peregrinos a Compostela.

Motivación
Por outra parte, o informe amosa que máis da metade —50,62%— dos peregrinos que chegaron a Santiago fixérono por motivación relixiosa e de outra índole, o 42,46% exclusivamente por unha motivación relixiosa e a porcentaxe restante —6,92%— por motivos non relixiosos.

Medio utilizado
Así mesmo, o informe refírese ao medio utilizado polos peregrinos para realizar o Camiño. Neste senso, continúan sendo os peregrinos que realizan a Ruta Xacobea á pé os máis numerosos, pois representan o 88,67%. No pasado ano escolleron a bicicleta para acadar a meta de Compostela o 10,64% dos peregrinos e o cabalo o 0,64%.

Perfil sociodemográfico
En canto ao perfil sociodemográfico, o estudo sinala que o 55,37% dos peregrinos teñen unha idade de entre 30 e 60 anos.

No que se refire ao xénero, o Plan Director asoma que foron os homes que realizaron o Camiño de Santiago no pasado ano os que representaron unha porcentaxe superior, do 54,02% concretamente, fronte ao 45,98% das mulleres.

Así mesmo, o informe revela que o 23,14% dos peregrinos que selaron a súa Compostela no 2014 estaban en situación de emprego.