Aproveitarase o espazo antes ocupado por instalacións de gas na avenida de San Cristovo para gañar un novo espazo de lecer e deporte para a cidadanía
O Concello da Coruña, a través da súa Concellaría de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade, comezou hoxe os traballos para a creación dun novo parque biosaudable e de calistenia no barrio de Matogrande. Esta nova zona de lecer e deporte estará situada na avenida de San Cristovo, nas zonas verdes onde anteriormente había unhas instalacións de gas, xa desmanteladas.
Os traballos prolongaranse durante as dúas próximas semanas e terán un orzamento de case 50.000 euros. O obxectivo do Goberno de Inés Rey con esta actuación é dotar o barrio de Matogrande dunha nova área para o uso e gozo da cidadanía, aproveitando espazos públicos sen uso como este.
O zona conta con 338 metros cadrados de superficie, que se dividirá en dous espazos: un que contará con dúas grandes estruturas de calistenia e outra con catro elementos biosaudables. Haberá, ademais, unha praza central de formigón. O novo parque estará arrodeado de vexetación, o que o fai desta localización un espazo idóneo para unha instalación destas características.