Unha mesa coas participantes de Memoria dun Século, a representación de Matrioskas e un encontro coa activista Amelia Tiganus, protagonizan o 25N en Cabanas
A área de igualdade do Concello de Cabanas anunciou esta mañá a campaña “A túa historia, a nosa historia. O valor das palabras silenciadas” coa que Cabanas conmemora o 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller. Trátase dunha programación que se iniciará este venres, e que se estenderá durante as próxima semanas, incluíndo diversas disciplinas.
O 25 de novembro, ás 17 horas no Salón de Plenos, terá lugar a mesa “Memoria dun Século. Relatos de resiliencia”, no que participarán varias mulleres que contribuíron á creación do relato de 100 anos de historia oral das diferentes parroquias de Cabanas. Ademais, tamén se dará lectura ao manifesto institucional contra a violencia de xénero do Concello de Cabanas.
O sábado 26 de novembro, ás 18.30h no Salón de Plenos, será a representación do espectáculo teatral “Matrioskas”, con Marta Ortiz e Sofía Espiñeira, unha obra formada a base de contos e historias de vida que foron pasadno dunhas a outras mulleres. Trátase dun espectáculo dirixido ao público adulto.
O venres 2 de novembro terá lugar o obradoiro contra o acoso na rúa, en colaboración coa Fundación Mujeres. Este obradoiro tera dúas vertentes, unha dirixida ao público xeral, que se celebrará ás 11.00h no Salón de Plenos, e outro para ao lumnado de 4º da ESO, que se executará ao longo da mañá no centro educativo.
O venres 16 de decembro celebrarase unha charla coloquio con Montse Fajardo sobre o papel da muller na memoria histórica e violencias machistas, e o 19 de decembro un encontro coa activista Amelia Tiganus, baixo o título “Conexións entre a violencia sexual, pornografía e a prostitución: chaves feministas para unha sexualidade saudábel”. Estas actividades teñen pendente fixar o horario.
“Os concellos temos un papel fundamental na posta en marcha de ferramentas para a prevención da violencia machista”, sinalou a concelleira de igualdade de Cabanas, Paula González, quen destacou o esforzo do Concello de Cabanas para programar actividades “que avanzan na educación e concienciación contra a lacra do machismo”.