A alcaldesa abriu o Encontro Internacional ‘María Casares. Cen anos de vida’ co que se pechan as actividades programadas polo Concello durante os últimos doce meses para recordar a figura da actriz coruñesa
O encontro, que remata mañá, permitirá incorporar a cidade da Coruña dentro do circuíto internacional de especialistas sobre a figura de María Casares
O teatro Colón acolle esta noite a estrea da película de Xavier Villaverde ‘María Casares. A muller que viviu mil vidas’
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, destacou hoxe que a celebración do Ano Internacional María Casares promovido polo Concello foi moito más alá da mera reivindicación da figura da actriz coruñesa e converteuse nunha auténtica restitución da propia María Casares pero tamén dos milleiros de persoas que foron agraviadas e perseguidas e tiveron que exiliarse da súa terra.
Así o afirmou no acto de apertura do Encontro Internacional ‘María Casares. Cen anos de vida’ co que rematan as actividades programadas polo Concello dentro do Ano Internacional María Casares, que ao seu entender permitiu tamén “saldar unha débeda histórica coa nosa actriz máis internacional”.
“A Coruña, e España, teñen unha débeda con María Casares e con todas as persoas que foron represaliadas durante uns anos negros na nosa historia. Aínda que se tardou, empezamos a saldar esa débeda e desde A Coruña, desde o Concello, quixemos contribuír tamén con este esforzo e toda a variada programación de actos durante este último ano”, recordou a alcaldesa.
Por iso, puxo de exemplo o contido do encontro desenvolvido precisamente na Casa Museo
Casares Quiroga, no que se abordan hoxe e mañá aspectos como a memoria histórica, o exilio republicano de 1939, a propia memoria familiar dos Casares desde A Coruña, a vida de María Casares na nosa cidade e durante a súa estancia en Francia, ademais da súa traxectoria no cinema e no teatro.
“Todo isto representa a mellor maneira de lle render homenaxe e recordo non só á nosa actriz máis internacional senón a todas as persoas que tanto sufriron de maneira ignominiosa.”, destacou, á vez que subliñou que ‘María Casares. Cen anos de vida’, foi o título escollido para este encontro, pero “é tamén unha maneira de lembrarnos que permanece viva entre nós e que permanecerá para sempre”.
Estrea de ‘María Casares. A muller que viviu mil vidas’
A alcaldesa recordou que María Casares foi unha muller apaixonante e apaixonada. “Unha muller excepcional nunha cidade feita por mulleres. Unha muller, como ben recolle Xavier Villaverde na película que se estreará esta noite no Teatro Colón, que viviu mil vidas”. A estrea de ‘María Casares. A muller que viviu mil vidas’ será ás 21.00 horas e contará coa asistencia da alcaldesa.
Horas antes da súa estrea, foi Juan Ignacio Borrego, primeiro tenente de alcaldesa e concelleiro de Relacións Institucionais, Seguridade Cidada e Turismo, quen presidiu a presentación previa do documental, e resaltou o acertado e preciso do título porque “reflicte á perfección a traxectoria e a experiencia vital da actriz coruñesa, sempre marcada polo compromiso e non poucas adversidades, pero defendendo as liberdades e o seu compromiso político”. A presentación contou coa presenza do director Xavier Villaverde, do produtor Juan de Dios Serrano e do delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor.
A proxección de ‘María Casares. A muller que viviu mil vidas’ encádrase dentro do programa do encontro internacional que pecha as actividades do seu ano internacional.
Neste encontro participan algúns dos máis importantes estudosos e expertos da figura da actriz coruñesa, coincidindo coa celebración do centenario do seu nacemento, o día 21 de novembro.
O encontro analiza a figura de María Casares desde moi diferentes ópticas e perspectivas e aborda aspectos como a súa vida tanto na Coruña como no seu exilio en Francia, a súa traxectoria profesional no teatro e no cine, a súa memoria familiar, ademais de debaterse temas como a memoria histórica ou o exilio republicano.
A análise farase tamén a través de diferentes formatos, coa realización de conferencias, debates, lecturas dramatizadas, proxeccións ou sesións poéticas. A realización deste encontro permitirá incorporar á cidade da Coruña ao circuíto internacional de especialistas sobre a figura da actriz. De feito, no congreso participan tamén diversos museólogos e historiadores, así como representantes de diferentes casas-museos de Francia, como a dedicada a María Casares en Alloue.
O congreso comezou coa apertura por parte da alcaldesa da Coruña, Inés Rey, para a continuación analizar a figura de María Casares durante a súa vida en Galicia, coa conferencia da actriz e ensaísta María Lopo. Durante este primeiro día participan, entre outras persoas expertas, Marion Chénetier-Alev, profesora de Estudos Teatrais da ENS de París; a directora da Maison Jean Vilar, de Avignon, Nathalie Cabrera; e a codirectora da Maison María Casares, de Alloue, Johanna Silberstein.
Mañá, segundo e último día do congreso participarán tamén, entre outros, as actrices Sabela Hermida, Mabel Rivera e Esther Lázaro, o xornalista e escritor Alberto Ramos, os historiadores Emilio Grandío, Xosé Alfeirán e Francisco Xavier Redondo Abal e Manuel Aznar Soler, catedrático da Universitat Autónoma de Barcelona e director do Grupo de Estudios del Exilio Literario (Gexel), que ofrecerá a conferencia de clausura “María Casares e o exilio republicano de 1939”.
Todas as actividades incluídas dentro do encontro internacional son gratuítas e de asistencia libre ata completar a capacidade, e desenvólvense na Casa Museo Casares Quiroga, agás a estrea do documental de Xavier Villaverde, no Colón.
Con este encontro internacional remata a programación desenvolta polo Concello dentro do Ano Internacional María Casares, para conmemorar o centenario do nacemento da actriz. Foron máis dun centenar as actividades organizadas e promovidas polo Goberno municipal para poñer en valor a figura dunha gran coruñesa e dunha das grandes figuras das artes escénicas e do mundo do cine que tivo que sufrir as consecuencias do exilio.
Exposicións, estreas de películas e documentais, conferencias, charlas, poesía, actividades didácticas para escolares e nas bibliotecas municipais, difusión turística, presentacións de libros, visitas guiadas, podcast, teatro, cine, postcrossing, encontros, rutas e outros actos e disciplinas foron desenvoltas durante este Ano Internacional María Casares que permitiu o recoñecemento a María Casares por parte da súa cidade natal e resaltar a importancia que tivo a súa figura para a cultura española e francesa.
Foi tamén unha celebración que axudou a recordar e analizar un dos períodos máis cruentos e complicados da historia de España así como a importancia do exilio republicano xunto coas vivencias dalgúns dos seus principais protagonistas.