Inma Otero e Carlos Lema participarán o xoves 24 de novembro na presentación do libro “O obxecto muller e o xiro ontolóxico” unha obra de Otero editada por Euseino? que chegou xa á segunda edición. Será ás 20 horas no teatro As Torres de Santa Cruz.
A cuestión de xénero é un dos interrogantes aos que a filosofía feminista intenta responder desde os seus inicios. Que é unha muller e que implica esta determinación inicial? Pódese revogar ou é unha natureza inemendable? (…) Para contestar esas preguntas, a autora parte do xiro que o realismo especulativo, ou o novo realismo, deu na filosofía contemporánea. Pensar unha ontoloxía plana na que a relación de dependencia entre suxeito e obxecto desaparece ao deixar de ser a exclusiva forma de acceder ao senso, de existir.
A autora, Inma Otero, naceu en Carral en 1976. É profesora de Lingua e Literatura Galega no Ensino Medio, combina o traballo docente coa investigación e crítica literaria (Grial e Sermos, entre otros medios). Traduciu do italiano Emerxencia de Maurizio Ferraris (Euseino? 2017) e é autora de A materialidade das fillas de Lupa. Obxectos ficcionais femininos na narrativa galega (Xerais, 2022).