Friday 22 de November de 2024

Escolares do CEIP A Solaina visitaron o Concello e reuníronse coa alcaldesa no salón de plenos


Escolares de sexto curso de educación Infantil do CEIP A Solaina, desprazáronse esta mañá ao Concello con motivo das actividades proxectadas a través do Programa de Recursos Educativos de Apoio á Escola, que inclúe un apartado de Coñecemento do Concello a través de Itinerarios didácticos na Casa Consistorial . Os menores, acompañados por docentes do citado centro de ensino, visitaron varias dependencias municipais e reuníronse coa alcaldesa, Marián Ferreiro, no salón de plenos.

As rapazas e rapaces ocuparon os asientos das concelleiras e concelleiros da corporación local e visionaron o vídeo “Nara de Narón”, cunha explicación sobre a historia da cidade e as súas parroquias. Na reunión coa alcaldesa os escolares formuláronlle algunhas cuestións relativas á observación do seu entorno habitual e sobre o labor da alcaldía no municipio. Antes de abandoar o Concello fotografiaronse coa rexedora local, quen lles fixo entrega duns agasallos, e tamén no photocall “Ti es a abella Nara”. Un explorador e unha abella de Narón, de nome “Nara”, acompañan aos escolares durante a visita teatralizada que se realiza polo Concello.

As visitas deste programa continuarán desenvolvéndose neste mes de novembro e decembro con alumnado do CEIP Virxe do Mar e CEIP A Gándara.