O CRI de Santiago acolle unha xornada formativa dentro da última fase do proxecto europeo ‘Mocidade Contra la Violencia de Xénero’, do que é socia a Xunta
Nove mozas e mozos galegos iniciaron a súa formación dentro da terceira e última fase do proxecto europeo ‘Mocidade Contra la Violencia de Xénero’, no que participa a Xunta desde hai dous anos e que ten como obxectivo apoiar a prevención da violencia de xénero entre a poboación máis nova.
As xornadas formativas tiveron lugar este sábado e domingo no Centro de Recuperación Integral para mulleres que sofren violencia de xénero, en Santiago, e abordaron asuntos como o terceiro sexo, a orientación sexual, o respecto á diferenza, a homofobia, os delitos de odio, a violencia sexual, o bullying homofóbico ou a violencia intraxénero, entre outros.
Máis adiante, o sábado 24 de outubro, haberá unha sesión práctica que será impartida tamén por persoas expertas en igualdade. Os alumno/as das xornadas levarán posteriormente ás aulas de diversos centros educativos galegos o debate sobre a orientación sexual, a identidade de xénero e o respecto ás persoas LGBTI, utilizando para elo, como en anos anteriores, o método da Peer Educación ou Educación entre Iguais, cun enfoque participativo e utilizando metodoloxías activas.
De cara ao vindeiro ano, a Secretaría xeral da Igualdade, como socia no Proxecto, impulsará a realización dunha xornada final, na que se dea conta dos tres anos de duración e na que se buscará a participación das mozas e mozos que exerceron como Peer educadores no proxecto, así como dos centros educativos, das asociacións xuvenís galegas e de todas as persoas interesadas nas temáticas abordadas durante o desenvolvemento do proxecto.
Mocidade Contra la Violencia de Xénero
Este mes a Secretaría Xeral da Igualdade pon en marcha a terceira e última fase do proxecto europeo ‘Mocidade contra a violencia de xénero’, que ten como obxectivo fundamental apoiar a prevención da violencia machista entre a poboación máis nova.
En concreto, o proxecto aborda a sensibilización da opinión pública sobre a necesidade de construír unha sociedade que respecte as diferenzas de xénero e de dar a todas as persoas a oportunidade de expresarse e representarse libre dos estereotipos home/muller.
A Xunta adheriuse en 2013 a este proxecto, que está financiado por la UE e liderado pola cidade italiana de Turín. Ademais do Goberno galego, participan como socias outras doce entidades de seis países: España, Italia, Romanía, Cabo Verde, Mozambique e Brasil.
A Xunta considera fundamental desenvolver este tipo de actuacións, xa que os adolescentes resultan ser un colectivo especialmente vulnerable fronte á violencia de xénero e se están a detectar neles novas formas de exercer a violencia, como consecuencia dun mal uso das novas tecnoloxías. A máis habitual é o dominio psicolóxico, a través do control sobre a roupa, maquillaxe, amizades e hábitos das parellas nas redes sociais.
Para mellorar estes aspectos, o proxecto aborda campañas de sensibilización da opinión pública sobre asuntos como a masculinidade positiva, a loita contra a violencia cara as mulleres e o respecto ás persoas LGBT; este último tema central das xornadas en Santiago de Compostela.