Friday 22 de November de 2024

Ponse en marcha o programa ‘Mover os baixos’ con tres millóns de euros para o problema dos locais baleiros, froito do acordo entre o Goberno municipal e a Marea Atlántica


A Xunta de Goberno Local aproba hoxe este programa con tres eixes: un banco municipal de locais en alugueiro, subvencións a pemes e persoas autónomas e compra de baixos por parte do Concello

A alcaldesa, Inés Rey, e a voceira da Marea Atlántica, María García, reuniranse nos próximos días para avaliar o grao de cumprimento dos acordos e dialogar sobre as cuestións máis urxentes da cidade

A Xunta de Goberno Local aproba hoxe a posta en marcha do programa ‘Mover os baixos’, dotado con tres millóns de euros e destinado a afrontar o problema dos locais comerciais baleiros nas rúa da Coruña. É froito do acordo entre o Goberno municipal e a Marea Atlántica para a aprobación dos Orzamentos deste ano, e está pensado para reactivar o comercio de proximidade, dinamizar os barrios e recuperar o espazo público.

‘Mover os baixos’ está formado por tres eixes de actuación: a creación dun banco municipal de baixos comerciais en alugueiro con garantías, unha convocatoria de subvencións para pemes, micropemes, autónomos e entidades de economía social, e a compra de locais por parte do Concello a través dun proceso de concorrencia pública, para aumentar o parquemunicipal e poñer eses espazos ao servizo das necesidades da cidade, sexa mediante alugueiros asequibles, sexa a través de entidades sen ánimo de lucro, sexa directamente con servizos municipais.

O voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, destaca que esta actuación, que se pon en marcha como continuación do Mapa de Locais en Alugueiro elaborado no Plan de Reactivación Económica e Social do Concello “ten como obxectivo a dinamización do alugueiro de locais comerciais na cidade e facilitar a emprendedores e pequenos comerciantes a posta en marcha dos seus proxectos empresariais”.

Para María García, voceira municipal da Marea Atlántica, “a proliferación de baixos baleiros é un problema non só para o tecido comercial e para a empregabilidade, tamén porque os barrios quedan sen servizos e sen espazos de socialización, e con menos vida nas rúas.

Por iso quixemos impulsar este programa de ‘Mover os baixos’, unha nova liña de medidas para facerlle fronte ao abandono dos locais no zócolo das cidades”.
Con esta aprobación desbloquéase un acordo pendente do pacto orzamentario, e está previsto que nos vindeiros días teña lugar unha xuntanza entre a alcaldesa Inés Rey e María García, para avanzar noutras áreas.

Banco de locais en alugueiro
Deste xeito, a Xunta de Goberno Local encomendaralle hoxe á Empresa Municipal de Vivenda (EMVSA) a creación dun banco municipal de locais en alugueiro, iniciativa dotada con 600.000 euros e que ofrecerá garantías tanto ás persoas arrendadoras coma ás arrendatarias.

Así, desde agora comeza a fase de estudo e captación de locais, que serán taxados e ofrecidos a prezos razoables e por baixo do mercado, para desenvolver proxectos comerciais ou de interese social por un mínimo de cinco anos. EMVSA garantiralle ao inquilino que o local cumpre as esixencias básicas de habitabilidade e seguridade, e ao propietario o cobro do alugueiro durante os dous primeiros anos, cun seguro prorrogable por tres anos máis.

As persoas que poderán beneficiarse deste banco de locais para desenvolver os seus proxectos serán preferentemente autónomos, pemes ou micropemes, pero a convocatoria tamén está aberta a entidades sen ánimo de lucro, comunidades de bens, ou entidades sen personalidade xurídica. Non poderán participar negocios pertencentes a grandes firmas empresariais.

A encomenda inclúe o mantemento e a actualización do Mapa dos locais comerciais en alugueiro existentes na cidade da Coruña, que se puxo en marcha o ano pasado para informar á veciñanza e que recibiu máis de 4.000 consultas ata o mes de xuño. Desde aquí tamén poderá consultarse o banco municipal de locais, cando estea en funcionamento.

Outros concellos como Barcelona, Valladolid, Vilagarcía, Málaga ou Valencia, puxeron en marcha iniciativas similares a este banco de alugueiro, que A Coruña toma como referencia para ‘Mover os baixos’.

Subvencións para actividades en baixos comerciais

A campaña para ‘Mover os baixos’ conta tamén cunha convocatoria de subvencións para apoiar a consolidación, o crecemento e a creación de emprego no tecido comercial, hostaleiro e empresarial, cun total de 900.000 euros, dos que 100.000 estarán especialmente reservados para entidades de economía social.

Estas axudas, que poderán solicitarse a partir de xaneiro do próximo, están pensadas para subvencionar os gastos asumidos entre o 1 de xaneiro de 2022 e o 30 de xuño de 2023. Entran na convocatoria os gastos de constitución de empresas, a renda de baixos comerciais, as obras de reparación e mantemento de locais, as medidas de aforro enerxético e outros gastos correntes, incluíndo unha liña específica para cubrir os custos de proxectos relacionados coa economía social.

Poden optar a estas axudas as pequenas empresas, persoas en réxime de autónomos e entidades de economía social, cun máximo de 3.000 euros por solicitante, que se poden ampliar a 6.000 euros cando se trate dunha actividade a desenvolver nun baixo comercial que leve polo menos dous anos baleiro. É un xeito de ‘Mover os baixos’.

Compra de locais por parte do Concello

Finalmente, a Xunta de Goberno Local aproba a implantación da terceira liña de ‘Mover os baixos’, a compra de baixos baleiros na cidade da Coruña para ampliar o patrimonio municipal e para impulsar accións de interese cidadán, tal e como foi acordado polo Goberno municipal e a Marea Atlántica. Para iso, resérvanse 1,5 millóns de euros do Orzamento 2022 e acádase o compromiso de aprobar antes do 20 de decembro os pregos que rexerán esta líña de adquisición de inmobles.

Así, o Concello adquirirá baixos comerciais sen uso a través dunha concorrencia pública, que poderá destinar ao banco municipal de alugueiro ou a outras funcións como os servizos de proximidade, o emprendemento, a creatividade, a ensinanza e a investigación, a venda de produtos de artesanía ou agricultura sostible, a economía social… poñendo este patrimonio a disposición da veciñanza e estudando as actividades máis necesarias en cada zona da cidade.

Con ‘Mover os baixos’, A Coruña será unha das cidades pioneiras en Galicia e España á hora de implicarse directamente en resolver o problema do abandono dos locais na planta baixa das cidades e que require respostas desde as políticas públicas e a acción decidida das administracións.