Saturday 16 de November de 2024

O Concello comeza os traballos para a renovación da rede de saneamento na contorna da Lonzas e a Cidade Escolar de Riazor


Infraestruturas está a executar, desde esta semana, obras para a substitución dos colectores nas rúas Médico Devesa Núñez e Julio Rodríguez Yordi, dando continuidade ao plan de melloras de saneamento que está a executar o Goberno municipal nos diversos barrios da cidade

O Concello da Coruña, a través do servizo de Infraestruturas, comezou esta semana dúas novas intervencións orientadas á mellora integral da rede de saneamento nas rúas Médico Devesa Núñez, en Lonzas, e Julio Rodríguez Yordi, na contorna da Cidade Escolar e Riazor.

Neste sentido, as obras permitirán a substitución dos colectores actuais, feitos con base de gres e 200 mm de diámetro exterior, por uns totalmente novos de PVC cun diámetro de 315 mm, co que se dá continuidade ás melloras xa executadas na rede de saneamento do distrito baixo estes parámetros, renovando o material dos colectores e apostando por un diámetro exterior que reforce a seguridade fronte a hipotéticas fugas de augas fecais.

No caso de Médico Devesa Núñez, as obras centraranse no sector sur da rúa. Concretamente, no tramo da beirarrúa esquerda lindeira a onde está localizado o punto decontrol para o acceso e saída do cuartel da Policía Nacional.

En paralelo, executaranse traballos na rúa Julio Rodríguez Yordi, onde a substitución dos colectores levarase a cabo no primeiro tramo da rúa, na confluencia con Almirante Cadarso.

Os traballos, que contan cun prazo de execución de dous meses, forman parte do plan para a renovación integral da rede de saneamento da cidade posto en marcha polo Goberno de Inés Rey. Na actualidade, e ademais de en Lonzas e a Cidade Escolar de Riazor, Infraestruturas tamén está levando a cabo melloras neste ámbito no cruzamento entre as rúas Albert Camus e Ángel Rebollo (Monte Alto); José Cornide (Ensanche); nas rúas Marsella, Roma e Salzburgo (A Zapateira); Santander (Os Mallos) e no núcleo poboacional de Bens.