Os concellos de Rianxo, A Pobra e Ribeira acolleron actos promovidos por Vía Galega para conmemorar o 104 aniversario da I Asemblea Nacionalista promovida en 1918 polas Irmandades da Fala.
A pesar da chuvia os actos desenvolvéronse segundo o previsto, coa lectura dun manifesto e co izamento dunha bandeira galega en cadanseu concello. En Rianxo o acto celebrouse no Paseo da ribeira diante do busto de Castelao, na Pobra no paseo do Maño e en Ribeira na praza do Centenario. En todos contaron coa participación do BNG da Barbanza.
Desde Vía Galega destacan que moitas das propostas recollidas no manifesto da I Asemblea Nacionalista seguen vixentes como a plena soberanía, o fomento da lingua e cultura galegas ou a igualdade de dereitos das mulleres.
Os actos serviron ademais para poñer en valor o himno e a bandeira como símbolos que nos unen a todos os galegos e galegas e fortalecen a identidade colectiva. “Como proclamaron as Irmandades, o ideal que nos aloumiña pídevos que sintades a Galiza no recuncho mais intenso das vosas almas” concluíron.