– A Secretaría é a encargada de velar pola legalidade dos actos que emanan do Concello
– A súa ausencia ven agravar a parálise na que xa está instalado o noso Concello.
– O BNG solicita que se recurra ás solucións que a lexislación prevé para dar cobertura definitiva a este tipo de vacantes, do xeito máis áxil posíbel.
– É a segunda Secretaria Municipal que deixa o Concello en 6 meses.
O BNG demanda do Goberno Municipal que emprenda as acción oportunas para a cobertura da praza de Secretaria Municipal no prazo máis breve e do xeito máis áxil legalmente posíbel.
A praza está vacante pola demisión da última persoa que desenvolveu esas funcións, durante un breve período de tempo, logo do traslado voluntario da súa antecesora.
A Secretaría Municipal é un posto reservado a funcionariado con habilitación de carácter estatal, e é a encargada de velar pola legalidade dos actos que emanan do Concello. Ten reservadas as funcións de dar fé pública e de prestar o asesoramento legal preceptivo.
Se xa a actividade municipal no Concello de Culleredo caracterízase pola súa escasa axilidade, a ausencia de Secretaria Municipal implica agravar esa parálise.
É por isto que o BNG solicita do Goberno Municipal que recurra ás solucións que a lexislación prevé para dar cobertura definitiva a estas vacantes sobrevidas, solicitando do órgano ministerial encargado que a vacante se inclúa no próximo concurso, ben sexa no unitario ben no ordinario.