Friday 22 de November de 2024

A Coruña, segunda escala da Tall Ships Races MagallanesElcano en agosto de 2023


O ano próximo conmemórase a primeira circunnavegación do mundo de Fernando de Magallanes e Sebastián Elcano hai máis de 500 anos

A expedición foi unha das viaxes máis importantes realizadas na historia da navegación marítima

A Coruña presentou en Canarias un dos eventos deportivos e culturais máis importantes que acollerá a cidade en 2023, a Tall Ships Races Magallanes-Elcano. Durante os días 24 e 27 de agosto A Coruña recibirá, como segunda escala da regata de grandes veleiros, a tripulacións de distintos países.

Nesta edición da regata, que volve á península tras sete anos, conmemóranse os máis de 500 anos da histórica circunnavegación do mundo protagonizada no seu momento por Fernando de Magallanes e Juan Sebastián Elcano, un fito na historia da navegación.

Na presentación celebrada en Canarias o público presente na actual edición puido coñecer de primeira man o destino do próximo ano: A Coruña. A través dun vídeo a alcaldesa da cidade, Inés Rey, invitou ao público a visitar A Coruña o próximo verán.

O presidente do Consorcio de Turismo, Juan Ignacio Borrego, acompañado do xerente do ente, Moisés Jorge Naranjo, presentaron no evento de Canarias a oferta cultural, gastronómica e de lecer que A Coruña ofrece ao mundo durante o mes de agosto.

A Coruña é un porto de referencia para esta regata, un dos que esperta máis interese neste tipo de competición, situándose nos primeiros postos na clasificación de portos máis visitados, segundo a STI (Asociación Internacional de Adestramento de Veleiros).

O ‘host-port’ da Coruña recibiu varios galardóns por parte da STI pola organización da regata en anos anteriores.

A Coruña en agosto
A escala da Tall Ships Races coincidirá, ademais, coas festas que vivirá a cidade durante todo o mes de agosto. Os visitantes que queiran gozar da estampa marítima colmada de grandes veleiros poderán aproveitar a súa estancia para acudir a festivais musicais, eventos deportivos internacionais ou recreacións históricas combinadas coa mellor gastronomía atlántica.

A regata comezará o 18 de agosto en Falmouth e dirixirase á nosa cidade para seguir cara Lisboa e finalizar no porto de Cádiz, unha oportunidade perfecta para dar a benvida á frota internacional á nosa costa.

Sobre o Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña

Turismo da Coruña é un consorcio formado polo Concello da Coruña, a Cámara de Comercio, Industria e Navegación, e a Autoridade Portuaria da Coruña, cuxa labor é converter o turismo nun dos motores económicos da cidade herculina. O ente é o responsable da promoción e comercialización da cidade nos ámbitos nacional e internacional e participa na creación de produtos que aporten unha maior calidade e atractivo á oferta turística da mesma. Precisamente, e co obxectivo de pór o seu maior esforzo no servizo ao turista, este organismo conta cunha oficina central, dous Puntos de Información turística no centro da cidade e outro, de Atención ao Cruceirista. Na actualidade, o Consorcio de Turismo e Congresos diríxeo como presidente o primeiro tenente de alcaldesa e Concelleiro de Relacións Institucionais, Turismo e Seguridade Cidadá, Juan Ignacio Borrego, e como director xerente Moisés Jorge Naranjo, e conta cun equipo técnico de informadores e informadoras, especialistas en promoción turística e persoal administrativo.