Friday 22 de November de 2024

O Concello insistirá ao Goberno central de maneira permanente a urxente contratación da ampliación da ponte Pasaxe


Ante o aviso de colocación no día de hoxe dun cartel de denuncia da inoperancia dos últimos 4 gobernos de España en relación á necesidade de ampliación da ponte Pasaxe, o Ministerio de Transporte anunciaba onte de présa e correndo a aprobación inicial do proxecto. En vistas dun novo posible engano á cidadanía, pois cifran a ampliación en 31,3 millóns pero nos orzamentos do Estado para 2023 só meteron 500.000 euros, para denunciar de maneira permanente a urxente necesidade de contratación e inicio desta obra -tan pronto como finalice o túnel de Sol y Mar o próximo verán-, procedeuse á instalación da valla informativa prevista diante do edificio de Copigal.

Foron moitas as campañas de denuncia, as manifestacións públicas e as solicitudes realizadas aos distintos responsables do Ministerio. Durante 26 anos nunca fixeron nada para ampliar a ponte Pasaxe. Iso si, anuncios propagandísticas próximos a eleccións houbo moitos, como por desgraza para a cidadanía seguramente suceda coa comunicación de onte.

A caótica situación de colapso circulatorio que se produce nos accesos á cidade cada vez que se produce o máis mínimo accidente ou avaría dalgún vehículo é responsabilidade do Goberno central, do actual e dos 3 anteriores, que non cumpriron coas súas obrigas e promesas de ampliacións tanto de Alfonso Molina como da ponte Pasaxe. É urxente ampliar a capacidade de ambas infraestruturas de inmediato para non seguir condenando ao cidadáns a interminables atascos, que prexudican gravemente tanto á vida cotiá das persoas como á economía e á industria da comarca.

O Goberno municipal denunciará esta situación con todo tipo de iniciativas ata conseguir que o Ministerio realice as tan necesarias obras non só para Oleiros, senón para o conxunto da comarca coruñesa.