Unhas oitocentas persoas déronse cita esta noite no Pazo da Cultura para asistir á trixésimo terceira edición da Gala do Deporte de Narón. O evento deu comezo ás 21.00 horas e nesta ocasión a alcaldesa, Marián Ferreiro, entregou ao remate do acto como é tradicional, o premio “Mellor Deportista de Narón 2022” á triatleta Sara Guerrero Manso do Club A.D. Náutico Narón. No transcurso da Gala a rexedora local estivo acompañada polo edil de Deportes, José Oreona, e outros concelleiros e concelleiras da corporación local que se encargaron tamén de entregar as distincións a outros deportistas en diferentes modalidades.
Sara Guerrero Manso atesoura importantes logros deportivos na súa traxectoria e, na actualidade entre outros moitos logros, ocupa a 120ª posición do Ranking Mundial; 48ª posición do Ranking Europeo; 104ª posición do Ranking Olímpico; 1ª Ranking Nacional de Triatlon; Vencedora do Trishark Narón 2022; Subcampiona Galega de Duatlon (Pontevedra); Subcampiona de España de Duatlon contrareloxio (Alcobendas); 4ª clasificada de Liga Nacional de Duatlon; 4ª clasificada África Triatlon Cup Tangier (Marrocos); 4ª clasificada en Hoka Lignano Triatlon (Italia); 6ª 2022 Europe Triatlon Cup Coimbra (Portugal).
A alcaldesa aludíu, na súa intervención, á historia do deporte en Narón na que “tres décadas nos separan daquela I Gala do Deporte na que a ilusión, a precariedade de medios e a visión de futuro se mesturaban a partes iguais” e incidiu en que “a visión de futuro que tiñamos entón converteuse en presente, nunha realidade” .
Ferreiro felicitou e agradeceu a todas e cada unha das persoas presentes, polo recoñecemento merecido a tanto esforzo e manifestou o compromiso do apoio do Concello en todo o que sexa posible “dotandovos dos medios, os recursos e as infraestruturas necesarias para que desenvolvades todo o voso potencial”.
O concelleiro de Deportes, pola súa banda, agradeceu o incansable traballo de deportistas, clubs deportivos, directivas, familias e tamén aos integrantes do xurado desta edición da Gala. Tamén adicou un agradecemento especial a Guillermo Sánchez Fojo, quen “durante dezasete anos foi concelleiro de Deportes da nosa cidade e peza fundamental do que é hoxe Narón”. Oreona recordou que centos que rapazas e rapaces acoden ás Escolas Deportivas municipais do Concello de Narón cada ano e máis dunha trintena de disciplinas deportivas a disposición das nosas veciñas e veciños, así como convenios cos clubs, que deixan patente o compromiso co deporte nesta cidade, xestionado desde o Padroado de Deportes naronés, a cuxo persoal agradeceu o seu traballo e adicación
No transcurso do evento nomeouse Deportistas do ano nas modalidades de atletismo, automobilismo, automodelismo, baile deportivo e de competición, baloncesto, balonmán, colombofilia, esgrima antiga, fútbol, fútbol sala, golf, kárate, kick boxing, motociclismo, natación, natación artística, pádel, piragüismo, rallye slot, remo, silvestrismo, tenis de Mesa, tiro con arco, triatlón, voleibol, xadrez, ximnasia artística e ximnasia rítmica.
Así mesmo, entregáronse tamén as Mencións Especiais á Mellor promesa a Iago Fuertes Leonardo, do Club de Padel Narón; ás Mellores proxeccións deportivas a Martín López González, do Cabanas KDM, a Sofía Couce Insua, do Club Tenis de Mesa Cidade de Narón, a Adrián Martínez Vara, do Club Parrulo Ferrol, e a Marco Veiga Amado; ao Mellor adestrador a Manuel Polo Gundín, do Atletismo Narón. Tamén, Polos seus logros deportivos a Marcos Padín Pita, da Delegación de Árbitros de Ferrolterra; Por levar o nome de Narón polo mundo adiante a David López Fernández e Jessica García Pérez, do Club de Baile Deportivo Un Paso Adelante; Polo seu traballo de Base e en particular polo fomento da participación da Muller no mundo deportivo ao Club Voleibol Narón Volea.
Outro momento a destacar foi a Mención especial Polo seu traballo e didicación co Deporte de Narón a Guillermo Sánchez Fojo. E tamén mención especial ao Mellor Club, ao Club Atletismo Narón.
A XXXIII Gala do Deporte de Narón rematou co acto de entrega do premio a Sara Guerrero Manso como Mellor deportista de Narón do ano 2022, de mans da alcaldesa, Marián Ferreiro, e cunha fotografía de familia no escenario do Pazo en recordo desta edición do evento.