Afectan a estradas municipais de cinco parroquias diferentes.
O Concello adxudicará nos próximos días dous novos proxectos de mellora da rede viaria que suman un importe total duns 130.000 euros.
O de maior entidade contempla a renovación do pavimento para facilitar a circulación dos vehículos e a correspondente sinalización horizontal e vertical para aumentar a seguridade viaria en estradas de dúas parroquias.
En Torás os traballos localizaranse nos núcleos de A Portela e A Barreira, e tamén na vía que comunica a Avenida de Caión (casco urbano da Laracha) con O Campo. En Vilaño as obras previstas afectarán aos núcleo de O Formigueiro e á estrada que vai desde A Botica ata O Pino.
O outro proxecto, tamén referido á mellora da superficie de rodadura, afecta a vías de titularidade municipal das parroquias de Torás (estrada entre Riotorto e a vía provincial DP 0513), Lestón (Os Currais) e Caión (Cima de Vila).