O concelleiro de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade, Francisco Díaz Gallego, solicitou informes técnicos no encontro que tivo lugar onte, convocado pola Xunta oito meses despois do anuncio do proxecto
O concelleiro de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade, Francisco Díaz Gallego, asistiu esta mañá a un encontro co delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor, reunión convocada pola Xunta para presentar á Coruña por vez primeira a proposta do paso peonil entre As Xubias e Santa Cristina.
Díaz Gallego agradeceu a xuntanza, unha cita que, lembrou, o Concello leva oito mesespedindo sen que ata o de agora se convocase. “Entendemos a reunión de hoxe como unha primeira toma de contacto necesaria para poder adoptar unha decisión”, indicou Díaz Gallego, que formulou ao delegado da Xunta diversas cuestións e dúbidas sobre a proposta de pasarela que difundiu a Xunta no mes de abril.
Entre outras cuestións, o concelleiro solicitou á Xunta un informe sobre mobilidade que se comprometeu a remitir. A Xunta confirmou que polo momento non existe proxecto construtivo para a pasarela, motivo polo cal non é posible contar cos informes de Costas sobre o seu posible impacto na ría.
O Goberno municipal, explicou Díaz Gallego, estudará a proposta autonómica, estudo que requirirá un tempo e que non se puido levar a cabo antes “porque en oito meses non tivemos información por parte da Xunta, ata hoxe”.