O prezo da tarifa eléctrica e o incremento dos costes de persoal, son dous dos factores que condicionan os orzamentos para o próximo ano “cunha influencia drástica” nas partidas, como explicou esta mañá o alcalde. Xosé Sánchez Bugallo asegura estar traballando desde a concellaría de Facenda nun proxecto de orzamentos cun importante peso social para afrontar as incertezas derivadas da situación económica, e agarda que a oposición “saiba estar a altura e non se deixe levar por intereses partidistas”.
“Os orzamentos estanse redactando”, o alcalde confía en que, unha vez clarificadas as dúas maiores incógnitas -gasto de persoal e tarifa eléctrica-, entorno ao mes de decembro se poida formular unha proposta. O contrato actual remata en febreiro e, de non poder prorrogarse, a factura “podería incrementarse nun 200 ou 300%”, explica Sánchez Bugallo, que insiste en que “hai unha previsión de ingresos e estamos traballando nunha previsión de gastos, pero isto non quere dicir que renunciemos a aprobar os orzamentos”.
A pesar disto, o alcalde recoñece que non será fácil sacar adiante un proxecto de orzamentos cunha oposición instalada na precampaña. Ao ser ano electoral, a fórmula da moción de confianza está descartada, non a admite a lei, e hai poucos visos dun acordo cos outros grupos que, ata o de agora “non é que deran moitas posibilidades”.
Recorda o alcalde que o grupo do Partido Popular vetou tres veces os orzamentos “que agora consideran imprescindibles”. Tamén Compostela Aberta se votou en contra ata en dúas ocasións, entorpecendo a actuación do goberno local sen velar polo interese xeral da cidadanía: “no anterior goberno, o PSdeG facilitou os orzamentos tres anos, estando á altura do que esta cidade esixe” recalcou o alcalde.
Sánchez Bugallo pídelles aos grupos da oposición que “esa impaciencia que demostran agora, sexa coherente cun apoio ou unha facilitación para sacar adiante as próximas contas”.
A licenza para a gasolineira de Brandía outorgouse en cumprimento dunha obriga legal
O alcalde tamén se referiu esta mañá á sentencia que anula a licencia de obra que se lle concedera a Carburantes Lugo SL para a construción dunha gasolineira próxima á urbanización de Brandía. Sánchez Bugallo recalcou, unha vez máis, que “o Goberno adoptou a decisión en contra da súa propia opinión política porque entendían que era a súa obriga legal”, contando ademais con todos os informes técnicos favorables a súa concesión.
O alcalde explicou ademais que, coa modificación do PXOM, actualmente en tramitación, non sería posible que isto volvera a ocorrer: “Na modificación do Plan Xeral retíranse as gasolineiras das zonas residencias, permitindo que se poidan ubicar en solo comercial, salvo que a parcela en cuestión estea integrada nun polígono de vivenda”.
A sentenza do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Santiago de Compostela, a instancia do Ilustre Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia, anula a licencia de obras que o Concello de Santiago concedeu a Carburantes Lugo S.L. para a construción dun edificio comercial e unha unidade de subministro de carburantes no Paseo de Esvedro- Paseo de Amaia, en Brandía. A intención do Goberno Municipal, sinalou, e non recorrer, aínda que a decisión definitiva previsiblemente se tome o luns, e recorda que é recorrible por outras partes.
A decisión xudicial, contra a que cabe a interposición dun recurso de apelación, dálle a razón ao Ilustre Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG), no seu preito polas competencias profesionais para elaborar proxectos de gasolineiras fronte ao Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG); censurando que o proxecto complementario estivera elaborado por un enxeñeiro técnico, en lugar dun enxeñeiro industrial superior que é “o único técnico competente para elaborar un proxecto de construción e posta en funcionamento dunha estación de subministro de combustible”.
Tráfico aeroportuario
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, destacou hoxe os bos datos do aeroporto, “extraordinariamente positivo”. A 31 de outubro rexistraba 2.790.000 viaxeiros e 4.000 toneladas de mercadorías. Isto representa, continuo, aproximadamente o 63% de pasaxeiros dos tres aeroportos galegos e o 86% da carga.
Son, engadiu, “datos excepcionais e históricos, porque se producen cunha subida acumulada do 25,8% de viaxeiros e do 21,2% en carga en relación ao 2019”. Cifras destacables tendo en conta, sinalou, que “en carga, o conxunto dos aeroportos españois baixou un 14,5% e en pasaxeiros descendeu un 2,9%”. O aeroporto Rosalía de Castro de Lavacolla, é o segundo que máis medrou en España. En viaxeiros só o supera o aeroporto Son Sant Joan, de Palma de Mallorca, e en carga é o número en cremento. “Un resultado”, para o rexedor, “do que debemos estar máis que satisfeitos, e que ademais demostra a corrección da política seguida nos últimos 18 anos de diversificación de destinos e compañías. Esa aposta, evitando esa dependencia tan enorme con relación a un destino e a unha compañía, está detrás do éxito do aeroporto”.
En relación ao descenso de viaxeiros no destino a Madrid dun 25% a un 20% argumentouna pola chegada do tren de alta velocidade. “Os pasexeiros que perde a liña aérea Santiago-Madrid, están compensados co incremento” rexistrado a través do transporte ferroviario. “Os datos de pasaxeiros a través da liña ferroviaria, situan a Santiago, en 2019, nos 2,6 millóns de viaxeiros, cantidade que o alcalde espera que se incremente ata os 3 millóns; igual que acontece cos datos do aeroporto, que se espera, superen tamén os 3 millóns de viaxeiros “neste mes de novembro”, situándose a final de 2022, nos 3,3 millóns de pasaxeiros.
Resultados, engadiu, que demostran que esa aposta pola diversificación de destinos e compañías tan criticada, indicou, por “outros grupos políticos”, se seguiu mantendo entre o 2011 e 2019.
Bonos Corazón Compostela
O alcalde tamén destacou o éxito que están obtendo os bonos Corazón Compostela, de dinamización e apoio ao pequeno comercio; con 535 establecementos adheridos, dos que 464 son comercios, superando xa os datos do ano pasado, e 71 establecementos de hostalería.
Hoxe, ás 09:00 h, xa se retiraran 19.022 bonos, quedando aínda uns 23.000 por retirar. O rexedor fixo un chamamento á veciñanza para que os descarguen estes bonos, aos que o Goberno de Sánchez Bugallo destinou 1.250.000 euros.
Autobuses
O alcalde tamén respondeu á oposición, concretamente ao PP, no seu cuestionamento á adquisición de 11 autobuses en réxime de leasing para renovar, na medida do posible, a actual flota ata que entre en vigor o novo contrato de transporte, a piques de licitarse. “É unha preocupación compartida por todos os grupos políticos e tamén pola sociedade o darlle unha solución acaída que non condicione a nova licitación”, sinalou. “Ahora imos pensar en quen temos que pensar, que é a cidadanía de Santiago”.
Sánchez Bugallo lembrou que este goberno “sempre da explicación”, aínda que “hai a quen lle ven moi ben que se enrede todo o máximo posible.. Pero non é o que lle convén á veciñanza de Santiago”.