· A representación, dirixida a público infantil, terá lugar no CEIP Manuel Fraga Iribarne de Cariño o próximo 22 de novembro.
· Os máis pequenos aprenderán hábitos de hixiene saudables e valores en igualdade de xénero
· Esta actividade enmárcase no proxecto de divulgación científica Ciudad Ciencia, desenvolto polo CSIC en colaboración con máis de 50 concellos
O CEIP Manuel Fraga Iribarne de Cariño collerá o vindeiro martes, 22 de novembro ás 11 e ás 12:30 horas a representación da obra de teatro científico ‘Que traballo tan curioso!’, unha creación, dirixida a público infantil, da Unidade de Cultura Científica do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) en Galicia. A divulgadora Luisa Martínez Lorenzo, responsable desta unidade, protagoniza esta obra como investigadora, convidando o público a que adiviñe cal é a súa profesión.
Unha vez resolvido o enigma, Luisa falará co público sobre investigadores e investigadoras que son como ela, e que traballan para entender o mundo no que vivimos e mellorar a vida das persoas. Coa axuda da ciencia e de dous personaxes moi especiais, a investigadora descubrirá que hai nas mans e na boca dos asistentes, aínda que eles pensen que están completamente limpas. Con esta proposta preténdese que os máis pequenos aprendan dunha forma divertida hábitos de hixiene saudables e valores sobre a igualdade de xénero.
Esta actividade forma parte da programación de Ciudad Ciencia, un proxecto de divulgación científica impulsado polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) en colaboración con máis de 50 municipios co fin de que os habitantes de localidades españolas coñezan de primeira man a actualidade científica e tecnolóxica.
Máis información en www.ciudadciencia.es.