Friday 22 de November de 2024

Un total de 378 atletas tomarán parte este domingo na XXXIII Carreira Pedestre da Amaía


Un total de 378 atletas tomarán parte este domingo 4 de outubro na XXXIII Carreira Pedestre da Amaia, que repartirá máis de 1.000 euros en premios. As inscricións xa están pechadas e rexistran un total de 238 atletas na categoría absoluta e outros 140 corredores na categoría de nenos e nenas menores de 12 anos. Entre os atletas participantes figuran nomes moi recoñecidos como Robertas Geralavicius, Nuno Costa, María Xesús Gestido, Paula Mayobre ou María José Grobas.

A competición comezará ás 11:15 horas, con saída da Carballeira de Santa Minia para cubrir unha distancia de 8 quilómetros. O percorrido baixa pola avenida de Santa Minia para cruzar as aldeas de Pedrouzos e Liñares, dende onde se collerá pola estrada provincial CP-1301 ata o límite con Brión de Abaixo. Os corredores baixarán ata O Casal para retornar á aldea de Liñares, onde haberá un avituallamento líquido. O último tramo levará aos corredores pola avenida de Lamiño, ata Brans de Abaixo e de volta á carballeira. Un pouco antes, ás 10:30 horas, será a quenda dos máis pequenos, que percorrerán 350 metros (de 5 a 7 anos), 500 metros (de 8 e 9 anos) e 700 metros (de 10 a 12 anos).

A carreira repartirá mais de 1.000 euros en premios, así como camisetas e avituallamentos para todos os participantes. Todos os menores que participen recibirán cadansúa medalla e haberá trofeos para os tres primeiros de cada categoría, para os tres primeiros e tres primeiras da clasificación xeral e para o primeiro home e primeira muller empadroados en Brión.