Friday 22 de November de 2024

O Concello dá comezo hoxe á votación final dos Orzamentos Participativos 2022


Desde este venres, día 18, e ata o día 30 de novembro, estará aberto o prazo para a votación final das propostas de investimento máis apoiadas pola cidadanía

O pulo definitivo ás propostas seleccionadas poderá facerse en liña e a través de sete urnas físicas situadas en distintos puntos da cidade

A sexta edición dos Orzamentos Participativos do Concello da Coruña afronta a súa última fase, a da votación final dos proxectos seleccionados na fase de apoios, cunha cifra récord de cidadáns que apoiaron algunha das 560 propostas viables presentadas: 160 para toda a cidade e 400 para os diversos distritos.

Ditas propostas poderán votarse desde hoxe, venres 18, e ata o vindeiro día 30 de novembro, ámbolos dous incluídos, con vistas a súa inclusión no proxecto de orzamentos municipais de cara ao ano 2023.

As normas básicas para participar nesta fase son as seguintes:
1. Calquera persoa maior de 16 anos e empadroada na cidade pode votar as propostas que seleccione.
2. Non é preciso ter participado nas fases anteriores presentando propostas ou apoiando.
3. Cada persoa pode votar propostas da partida de toda a cidade ata o límite de 1.000.000 de euros e, ademais, propostas nun máximo de TRES distritos, ata un límite de 150.000 euros en cada un deles.
4. A participación está habilitada, igual que nas fases anteriores, a través da plataforma nacorunacontas.coruna.gal. En dita plataforma pódense consultar todas as propostas presentadas. Para facilitar a participación de toda a cidadanía, poderá votarse tamén de maneira presencial.

A concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación, Yoya Neira, destacou que “vista a boa acollida que tivo o ano pasado a nova modalidade de participación presencial, sen necesidade de facer o rexistro na plataforma dixital, o Concello da Coruña duplica este ano os puntos de votación en urna, repartidos por diferentes puntos da cidade”.

Deste xeito, habilítanse sete espazos de votación presencial en urna, que serán os seguintes:
● Mércores 23 de novembro no Centro Cívico dos Mallos, en horario de 11:00 a 13:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas.
● Xoves 24 de novembro no vestíbulo de entrada do Mercado de Elviña, en horario de 11:00 a 13:00 horas; e no Centro Cívico de Monelos de 16:00 a 19:00 horas.
● Venres 25 de novembro no Centro Cívico de Monte Alto, en horario de 11:00 a 13:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas.
● Sábado 26 de novembro xunto ao Mercado da Praza de Lugo, en horario de 10:00 a 15:00 horas.
● Martes 29 de novembro no Fórum Metropolitano, en horario de 9:30 a 14:30 horas.
● Mércoles 30 de novembro no Centro Sociocultural Ágora, en horario de 11:00 a 13:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas.

Para participar de maneira presencial e votar físicamente nas urnas só será preciso achegarse libremente a calquera destes espazos, nos horarios indicados, e presentar o DNI ou documento identificativo. Non é necesario pedir cita e calquera persoa, de calquer barrio, pode votar en calquera dos puntos de votación presencial habilitados, estea preto ou lonxe do seu domicilio. Unicamente ten que cumprir os requisitos de ser maior de 16 anos e estar empadroado na cidade.

Un total de 4.395 persoas participaron nesta fase de apoios fronte ás 3.005 de 2021, o que supón case un 47 % máis que na edición do pasado ano.