O pasado mes de outubro a plataforma “Vía Galega” comezou unha campaña dirixida ao conxunto da sociedade galega para dar a coñecer, popularizar e exhibir os símbolos nacionais de Galicia, o himno e a bandeira, que nos representan e identifican como nación e son a expresión do ser colectivo e da nosa existencia como pobo e do seu dereito a existir libremente.
Esta campaña, á que se adheriron concellos e deputacións, baséase na edición de 12.000 exemplares dun opúsculo sobre a orixe, historia e significado da bandeira e do himno coa letra orixinal que se están a presentar e distribuír por toda Galicia e no chamamento para que entre os días 14 e 19 de novembro, coincidindo co ‘104 aniversario da Asembleia Nazonalista de Lugo’, a veciñanza pendure bandeiras galegas en xanelas e balcóns culminando cun izado expansivo e simultáneo da bandeira galega en actos institucionais programados polos concellos o mesmo día 19 de novembro ás 11:30 h.
O Concello de Fene súmase á iniciativa de “Vía Galega” e convoca á corporación municipal, representantes do movemento asociativo e veciñanza en xeral ao acto institucional que terá lugar mañá sábado, 19 de novembro, ás 11:30 na rotonda de San Valentín (Avenida das Pías) e no que procederá ao izado, ao igual que noutros concellos da nosa comarca, da nosa bandeira, da bandeira azul e branca.