O BNG presentou publicamente as emendas que rexistraron aos Orzamentos da Xunta para o ano 2023 e que ascenden a un total de 10 millóns de euros. A deputada Rosana Pérez, acompaña polo responsábel comarcal Luís Pérez e o concelleiro Carlos Ansoar, detallou que “ é unha burla dicir que reforzan os servizos públicos e están pensados para as familias como dixo o Partido Popular, porque seguen recortando en Sanidade, Educación, non se mellora a atención de persoas maiores, por só citar algúns exemplos”.
Pérez Fernández, bota en falta maior investimento no ámbito sanitario porque seguen fechados os consultorios de Cabo de Cruz (Boiro) e Taragoña (Rianxo) e agora a veciñanza de Corrubedo xa se concentra para evitar o feche do seu centro médico. Alén dos centros sanitarios do rural, tamén recrimina a falta de investimentos nos xa colapsados centros de saúde de Ribeira, A Pobra, Boiro e Rianxo.
Rosana Pérez, recriminou a ausencia de investimentos para A Pobra do Caramiñal e Boiro, “parece que A Barbanza só ten dous concellos” asegurou. A deputada nacionalista deu conta dunhas propostas de mellora baseadas nas necesidades e demandas máis urxentes e necesarias para as veciñas e veciños da Barbanza. “Estas emendas son un exemplo de que cos mesmos cartos é posible facer unha política distinta, centrada nas necesidades actuais da veciñanza e atendendo as súas demandas, de cara á mellora económico-social dunha das comarcas máis dinámicas do país”, salientou.
Máis investimento en Sanidade
Pérez Fernández detallou que nos Orzamentos levan anos consignándose partidas como a da ampliación do Hospital da Barbanza “levan desde 2020 poñéndose 589.200 euros no papel pero nunca se executan”. Os nacionalistas esixen que se amplíe o hospital “dunha vez por todas”, dotar a Ribeira dunha ambulancia medicalizada, ambas emendas por valor de 660.000 euros.
Política Social e Educación
Os nacionalistas puxeron en valor o seu traballo para conseguir que Ribeira teña unha nova residencia pública de maiores pero ante o elevado déficit que existe e que na comarca hai 15.000 persoas maiores de 65 anos propoñen unha partida de 2,5 millón de euros para crear outra en Boiro e 600.000 euros para adecuar o Pazo de Rianxiño como centro de día.
Tamén se propón a reforma integral do CEIP Castelao que adoece dunha mellora das instalacións que permita desenvolver a súa actividade.
Conexión ferroviaria
As emendas presentadas polo BNG recollen unha vella demanda da veciñanza da comarca que aínda non atopou acollida nos plans económicos e de mobilidade da Xunta: a conexión ferroviaria da Barbanza. Os nacionalistas propoñen elaborar un estudo, valorado en 500.000 euros, buscando poñer solución a unha necesidade que afecta a toda a sociedade barbancesa.
Medio ambiente, saneamento e cultura son outras das partidas que solicitan
Por último desde o BNG inciden en que é preciso destinar 23 millóns de euros a un plan completo de rexeneración da Ría de Arousa para que siga sendo un motor económico imporante. Proponse tamén destinar 800.000 euros para completar o saneamento integral de Rianxo e 156.000 euros en musealizar a casa de Rafael Dieste. Inclúese unha emenda para investir 2 millóns de euros para mantemento dos portos e 1 para abrir canles de auga no porto comercial da Pobra. Por último tamén se inclúe a proposta de destinar 150.000 a accións específicas de conservación e educación ambiental no Parque Natural de Corrubedo.