O Pazo da Cultura de Narón acollerá hoxe a celebración da trixésimo terceira edición da “Gala do Deporte de Narón”. O acto enmárcase no programa municipal para conmemorar o Día de Narón, festividade local que se celebra cada 23 de novembro. A alcaldesa, Marián Ferreiro, presidirá este evento, ao que asistirán representantes da corporación local, entre eles o edil de Deportes, José Oreona, deportistas da localidade e integrantes de clubes e entidades deportivas da cidade, así como amigos e familiares. Unhas 800 persoas acudirán a este evento, que comezará ás 21.00 horas.
No transcurso do acto procederase a desvelar o nome da persoa que resultou elixida por un xurado especializado na área deportes como “Mellor deportista do ano 2022” de Narón. Así mesmo, nomearase aos “Deportistas do ano” nas modalidades de: atletismo, automovilismo, baile deportivo e de competición, baloncesto, balonmán, colombofilia, esgrima antiga, fútbol, fútbol sala, golf, kárate, kickboxing, motociclismo, natación, natación artística, pádel, piragüismo, rallye-slot, remo, silvestrismo, tenis de mesa, tiro con arco, triatlón, voleibol, xadrez, ximnasia rítmica e artísitca.
Haberá tamén mencións especiais para a “Mellor promesa”, “Mellor traxectoria deportiva”, “Mellor proxección deportiva”, e polos “Logros deportivos”, “Mellor adestrador” e tamén pola promoción de Narón no eido dos deportes e polo fomento dos valores do Deporte, en especial á superación deportiva demostrada ao longo dos anos e exemplo de vida deportiva. Tamén se distinguirá ao “Mellor club”. A alcaldesa, Marián Ferreiro, e os membros da Comisión informativa da Actividade Social e Igualdade serán os encargados de entregar os diferentes premios.