Todos os nenos e nenas que decoraron os xardíns con cabazas recibirán un exemplar de “prímula” ou “primavera”
A campaña Presume de xardíns chega á súa fin, pero este ano, ademais de agradecer a súa participación, tamén queremos premiar o traballo dos nenos e nenas na decoración das cabazas, unha iniciativa que trata de fomentar dende a infancia o respecto e o coidado das zonas verdes e os espazos públicos. Foron 215 en total, e están todos/as convidados/as a unha celebración moi familiar que se celebrará mañá sábado, a partir das 11.00 horas, no mercado municipal.
Para que a rapazada poida seguir coidando a natureza, cada un/ha dos/as participantes será agasallado/a cun exemplar de prímula ou primavera, una planta que poderán conservar durante moito tempo nas súas casas se a coidan ben. Por iso, con cada maceta recibirán un folleto de instrucións sobre as condicións óptimas para esta planta con flores de cores moi intensas. E ademais, todos e todas poderán degustar un chocolate Mariño ben quentiño con pan de ovo da Brea.
Os nenos e nenas, as súas familias e o profesorado do CEIP Xesús San Luís Romero, que se sumou á iniciativa con ducias de cabazas, serán recibidos/as polo alcalde, Evencio Ferrero, na planta alta do mercado, onde haberá ambientación musical durante a chocolatada e o reparto de plantas.
Se aínda non tiveches a ocasión de ver as cabazas decoradas pola rapazada, animámoste a que fagas un percorrido polas zonas verdes da rúa Eduardo Pondal, rúa Campo da Feira, Parque do Anllóns e Parque do Chorís antes de que as retiremos. Pagan moito a pena!