Sete axentes de Polonia percorren ata o día 4 de outubro distintos puntos da xeografía galega
Un grupo de sete operadores turísticos polacos e outro de seis xornalistas alemáns están a realizar un percorrido pola Comunidade galega nunha viaxe organizada por Turismo de Galicia ao obxecto de darlles a coñecer parte da oferta turística galega.
Os axentes turísticos polacos, que representan ás compañías Top Travel Incentives, OBP Incentive & Sport Travel, Weco Travel, Power Sport, Mazurkas Travel, Furnel Travel e Haxel Events & Incentive, comezaron onte a súa estadía en Galicia na cidade de Vigo, pola que fixeron unha visita panorámica.
Onte tamén visitaron a cidade de Pontevedra, a vila de Combarro, a Illa da Toxa, onde visitaron un complexo hoteleiro e termal, e fixeron un pequeno cruceiro pola Ría de Arousa entre O Grove e Cambados.
Hoxe, 2 de outubro, os operadores turísticos polacos farán un percorrido polo caso histórico da cidade de Santiago e visitarán varios hoteis da capital compostelá.
O día 3 de outubro trasladaranse ata a Costa da Morte, con paradas en Noia, Muros e visitas a Carnota e Fisterra. Tamén poderán coñecer a vila de Muxía e a súa contorna.
Os operadores turísticos polacos rematarán a súa estadía en Galicia cunha visita á cidade da Coruña, onde descubrirán os seus recursos turísticos e a súa oferta de aloxamento.
Xornalistas alemáns
Por outra parte, ata o próximo 4 de outubro, representantes dos medios de comunicación RBB Radio, Schleswig Holstein Zeitung, Fuldauer Zeitung, Revista Ecos, Sonntag Aktuell e Auto & Reise, están en Galicia para coñecer de preto a súa oferta termal e de turismo de saúde.
O programa da viaxe inclúe unha visita á cidade de Santiago de Compostela e o complexo termal do hotel Eurostar Isla de La Toja.
Así mesmo, viaxarán a A Lanzada e Sanxenxo onde coñecerán a oferta de wellness do Hotel Augusta Spa resort, ademais da oferta complementaria das Rías Baixas, así como as instalación do Hotel Balneario de Mondariz.
Dentro do programa elaborado por Turismo de Galicia para estes xornalistas alemáns, tamén está contemplada a visita a Ourense para coñecer as Termas de Outariz, e a vila de Allariz.
Esta viaxe rematará o domingo co traslado dos participantes a Santiago, de onde partirán cara os seus lugares de orixe.
Visitantes polacos e alemáns
Polo que respecta aos turistas polacos que visitan Galicia, nos primeiros sete meses deste ano 2015 rexistrouse un incremento de viaxeiros aloxados nos establecementos hoteleiros de Galicia do 43,5% en relación ao mesmo período do ano 2014.
O mercado alemán, pola súa parte, subiu o 24% tanto a súa cifra de viaxeiros aloxados coma das pernoitas, nos sete primeiros meses de 2015 en relación ao mesmo período do ano 2014.
Con algo máis de 77.000 viaxeiros e preto de 110.000 noites, o mercado alemán representa o 11,3% do total internacional de Galicia. É o segundo mercado en orde de importancia por detrás de Portugal .