Os veciños e veciñas de Serantes e Maianca escolleron a Marga Figueroa, Pablo Cibeira e Francisco Pita como candidatos de Mera para a lista electoral de Alternativa dos Veciños.
Os representantes locais na executiva, Montserrat Méndez e Andrés Sánchez, presentaron á asemblea aos tres candidatos escollidos, que foron propostos previamente pola comisión de seguimento da localidade. Pola súa parte, o presidente Ángel García Seoane destacou a capacidade das persoas elixidas para formar un Goberno municipal forte, que siga traballando con eficacia polo progreso de Oleiros.
Marga Figueroa (1959) é mestra. Concelleira desde o ano 2011, actualmente é a segunda tenente de alcalde e a responsable das áreas de Participación Cidadá, Cooperación e Recursos Humanos. Tamén forma parte das executivas de Alternativa dos Veciños e do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Ademais, leva vencellada ao movemento veciñal do municipio desde hai máis de 30 anos.
Pablo Cibeira Taboada (1987) é xornalista. Concelleiro desde o ano 2015, actualmente é o responsable das áreas de Comunicación e Novas Tecnoloxías da Información. Participou desde neno nas diferentes entidades sociais de Mera e é remeiro do Centro Deportivo Mariñeiro de Mera.
Francisco Pita Pedreira (1966) traballa en Telefónica desde hai máis de 30 anos. Tamén é patrón de altura da mariña mercante.