Thursday 21 de November de 2024

A Xunta despexa o camiño para a instalación dos parques eólicos de ENEL na nosa zona


O Consello da Xunta celebrado esta mañá en Santiago adoptou o acordo de declarar “a función vertebradora” dos parques eólicos que se prevén despregar en toda a volta e contra os que o ano pasado informara desfavorablemente por estar proxectados fóra de áreas de desenvolvemento eólico. O acordo significa un cambio de postura por parte do Executivo galego que, na práctica, elimina os obstáculos para que o Estado prosiga coa súa tramitación. Deste modo, os proxectos Badulaque, Barqueiro, Santuario, Tesouro, Moeche e Caaveiro -que lle afecta sobre todo á zona de Naraío-, promovidos por de ENEL Green Power e unha potencia conxunta de 611 Mw, así como os proxectos Levante e Boura deseñados por Greenalia Wind Power, teñen cada vez máis visos de converterse en realidade, “a pesar de que até o momento non houbo resposta algunha ás alegacións presentadas pola veciñanza e os concellos dos municipios afectados”, tal e como denunciou esta tarde o alcalde de San Sadurniño, Secundino García, despois de coñecer a decisión da Xunta.

Tal e como se recordará, a Xunta de Galicia informou desfavorablemente en xullo de 2021 sobre todos os proxectos de tramitación estatal -aqueles que superan os 50 Mw de potencia- que se encontrasen fóra da delimitación das zonas de desenvolvemento do Plan Eólico de Galicia.

En plena fervenza de alegacións veciñais, a Xunta deulle publicidade á súa postura, que supuxo unha certa sensación de alivio nas zonas onde o despregamento de parques espertaran unha maior oposición.

Porén, tal e como suxeriu naquel mesmo momento Secundino García “quen fai a lei, fai a trampa”, referíndose á aprobación no Parlamento de Galicia (só cos votos favorables do PP) dun cambio normativo a través da Lei 9/2021, de 25 de febreiro, que abría a porta ao asentamento de parques fóra desas áreas no suposto de que tivesen “unha clara incidencia territorial pola súa entidade económica e social, unha función vertebradora e estruturante do territorio e que sexan declarados como tales polo Consello da Xunta de Galicia”. Secundino García explicaba en xullo de 2021 que con só esa frase da lei “suprímese na práctica a planificación eólica en Galicia, ao permitir facer parques a discreción en calquera lugar no que haxa vento e non estea expresamente prohibido”.

García engadía naquela información publicada na web municipal que os informes desfavorables da Consellaría de Industria con respecto ao proxecto Caaveiro e outros non supuñan “unha paralización definitiva” e, ademais, tampouco eran impedimento para que máis adiante puidese producirse “un cambio de postura por parte da Xunta se as empresas xustifican sobre o papel esa ‘función vertebradora’, que nos enchería igualmente de muíños o territorio”.

As declaracións do alcalde de San Sadurniño, que en xullo de 2021 eran unha advertencia sobre un escenario plausible, hoxe mesmo confirmáronse como premonitorias tras aprobarse no Consello da Xunta o acordo da Vicepresidencia primeira e Consellaría de Economía, Industria e Innovación “polo que se declaran os parques eólicos Badulaque, Barqueiro, Santuario, Tesouro, Moeche, Caveiro, Levante e Boura como proxectos cunha clara incidencia territorial pola súa entidade económica e social, cunha función vertebradora e estructurante do territorio”.

Hoxe, tras saber do acordo, Secundino García criticou con dureza un cambio de postura “que nos deixa a mercede do Estado e das empresas eólicas, de ENEL no noso caso, que están decididas a facer un despregamento masivo sen importarlles nada a xente. Porque hai que ter en conta que todos eses proxectos que se anuncian nin van crear tantos postos de traballo como nos están vendendo, nin tampouco van rebaixarnos a factura da luz, senón que van continuar engordando as contas millonarias das eléctricas e perpetuando as portas xiratorias. Eólica si, pero non así”, dixo o rexedor.

Secundino García engadiu que co cambio de postura da Xunta de Galicia “queda demostrada a total submisión do Goberno galego aos oligopoios eléctricos, lexislando á carta para que sigan expoliando os nosos recursos sen que haxa como contraprestación un verdadeiro retorno social e económico para o País”.

O alcalde tamén lamentou o “escurantismo” co que se está levando a cabo a tramitación dos proxectos eólicos posto que, segundo asegurou, “até o momento non houbo resposta algunha ás alegacións presentadas o ano pasado pola veciñanza e os concellos dos municipios afectados”.