• A memoria inicial do documento publicarase o próximo 24 de novembro no DOG e haberá un mes para presentar alegacións
• Os rexedores de ambos Concellos mantiveron esta mañá un encontro na casa consistorial laxense coa directora xeral de Patrimonio Natural
O alcalde de Laxe, José Luis Pérez Añón, e a súa homóloga en Vimianzo, Mónica Rodríguez, reuníronse esta mañá na Casa do Concello laxense coa directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, para coñecer os avances do Plan Xeral dos Penedos de Pasarela e Traba. Na xuntanza tamén participaron a técnica de Turismo de Laxe, María Mato; o técnico de Deportes, Víctor Santos; e a xefa do Servizo de conservación de espazos naturais, Ruth López Carracelas.
Do Campo trasladoulles ao responsables de ambas institucións que a memoria inicial do Plan de xestión sairá publicada no Diario Oficial de Galicia o próximo 24 de novembro e, durante un mes, a cidadanía, asociacións ou organizacións poderán presentar as alegacións correspondentes.
No documento expoñeranse cuestións relativas á conservación dos recursos naturais da paisaxe, incluíndo o seu patrimonio, flora e fauna; diferentes plans de conservación e mantemento deste espazo protexido, o acondicionamento de sendeiros, actividades de difusión ou o deseño de rutas accesibles, entre outras.
Os Penedos de Pasarela e Traba son un espazo natural e patrimonial compartido entre Laxe e Vimianzo que aproveita sendeiros tradicionais e servidumes de paso a través das cales é posible percorrer unha dorsal que se alonga dende a Torre da Moa, o Outeiro da Cachucha e que conta con miradoiros naturais únicos sobre o Val de Traba.
Desde o Concello de Laxe agradecen o interese de Patrimonio Natural para sacar adiante un proxecto “vital” para ambos municipios pero tamén para toda a comarca da Costa da Morte posto que “os Penedos de Pasarela e Traba son únicos e especiais e, para protexelos e mostralos ao mundo, é necesaria unha aposta forte e común”.
Añón e Rodríguez tamén incidiron na necesidade de “compartir as nosas experiencias, datos e visión sobre os Penedos de cara a afrontar novos retos”, sobre todo tendo en conta que se trata dun espazo protexido que precisa “actuacións determinadas e de conciencia patrimonial, histórica e cultural”.