Friday 22 de November de 2024

Mañá comeza a terceira fin de semana do concurso gastronómico “Destapa A Laracha”


A afluencia de clientes e a calidade das tapas nas fins de semana precedentes puxeron de manifesto o éxito desta iniciativa organizada polo Concello.

Destapa A Laracha, o concurso gastronómico que organiza o Concello e do que forman parte catorce establecementos de hostalería do termo municipal, celebrará a partir de mañá a terceira fin de semana de actividade. Nas dúas primeiras a afluencia de clientes e a calidade das tapas servidas puxeron de manifesto o éxito da iniciativa, que se prolongará tamén ata a última fin de semana deste mes de novembro.
Cada un dos catorce locais participantes está a ofrecer ao público o seu petisco ao prezo único de 1,90 euros nas franxas horarias que estimen oportuno e que estarán actualizadas ao momento tanto na web www.destapaalaracha.com como nas redes sociais do evento, onde tamén se poden ver as fotos de cada unha das elaboracións.
Os mellor valorados polo xurado acreditado experto -nomeado polo Concello e que visita cada establecemento de forma anónima- e polo xurado popular -consumidores en xeral- recibirán os premios dotados con mil euros cada un.
Para formar parte do xurado popular, a clientela debe adquirir o pasaporte impreso ao prezo de un euro en calquera bar ou restaurante participante. Para que o seu voto sexa válido deberá conter o selo de cinco establecementos diferentes de, canda menos, tres parroquias distintas. As persoas que realicen o seu voto entrarán automaticamente no sorteo de premios, consistentes en vales de compra de 30 euros para gastar no comercio local adherido á iniciativa, cofres regalo e todos agasallos cedidos polas empresas colaboradoras.
O acto final do peche de Destapa A Laracha, no que se realizará tanto a entrega dos premios económicos aos locais gañadores como dos regalos sorteados para os clientes, será o 1 de decembro nun acto que se vai desenvolver en Caión.
Relación de establecementos hostaleiros participantes en Destapa A Laracha:
• O Noso Café (A Laracha)
• Café Bar O Encontro (A Laracha)
• O Trasno (A Laracha)
• Bar Lestón (Paiosaco)
• Bar Balbís (Paiosaco)
• Fogón da Pía (Paiosaco)
• Cafetería Suíza (Paiosaco)
• Bar Alecrín (Paiosaco)
• Furna Atlántica (Caión)
• Asteria Beach (Caión)
• A Taberna de San Cristovo (Golmar)
• Bar Isabel (Montemaior)
• Café Bar Buenos Aires (Vilaño)
• Café Bar Basilea (Cabovilaño)