Friday 22 de November de 2024

O Programa Integrado de Emprego logrou a inserción laboral de 50 persoas


Outros 50 participantes melloraron a súa formación profesional e empregabilidade.

O programa integrado de emprego que se desenvolveu na Laracha baixo a organización do Concello e da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia concluíu deixando un balance de 50 participantes que lograron o obxectivo da inserción laboral e outros 50 que melloraron a súa empregabilidade ampliando a súa formación e competencias profesionais. Desde xeito superouse sensiblemente o propósito de inserción inicial, fixado no trinta e seis por cento.

O alcalde, José Manuel López Varela, e a directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado Lago, presidiron o acto de clausura celebrado hoxe na Casa da Cultura e entregaron aos participantes os diplomas que certifican a asistencia e aproveitamento do programa integrado de emprego.

O rexedor municipal mostrou o seu agradecemento “á Xunta de Galicia, aos participantes, ao equipo docente e ás empresas que permitiron facer as prácticas” para que o programa integrado de emprego, “unha das iniciativas máis importantes para a inserción laboral”, fose un éxito.

A directora xeral valorou o “entusiasmo do Concello, equipo e alumnado” durante o desenvolvemento do programa, considerando que os diplomas entregados “simbolizan o recoñecemento dunha aprendizaxe teórica e práctica de calidade”. Zeltia Lago, que destacou o investimento de 250.000 euros da Xunta de Galicia para o financiamento do programa integrado de emprego da Laracha, referiuse ás “vantaxes de xerar recursos e sinerxias” por medio de iniciativas destas características. Concluíu cunha felicitación polo nivel de inserción laboral alcanzado.

Este programa foi dirixido a cen laracheses que figuraban como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia. O obxectivo esencial foi facilitar a súa inserción laboral por medio da realización dun conxunto de accións organizadas ao redor dun proceso individualizado dirixido ao crecemento persoal e profesional a través de accións de información, orientación, asesoramento, formación, prácticas en empresas e prospección e intermediación laboral. En todos os casos a formación impartiuse en aulas habilitadas no edificio administrativo da Laracha (teórica) e nos Centros Socioculturais de Paiosaco e Lendo.

Todas as accións desenvolvidas enfocáronse no deseño dun perfil profesional adaptado ás necesidades de cada participante e definindo os seus obxectivos laborais. As liñas de traballo estiveron baseadas en catro itinerarios profesionais: loxística e almacén, hostalería e restauración, novas tecnoloxías e cuestións como as técnicas de coaching, habilidades, sociolaborais, fomento da capacidade emprendedora e obradoiros de mobilidade. Ademais, preto de 20 participantes realizaron prácticas profesionais non laborais en empresas colaboradoras en consonancia co contido teórico práctico das accións formativas, permitíndolles entrar en contacto co mundo laboral, incluso algúns dos participantes acadaron un contrato laboral nas empresa nas que fixeron as prácticas.

Durante o programa os participantes beneficiáronse das medidas de axuda á conciliación que puxo á súa disposición o Concello. Ademais, pola asistencia a cada acción formativa percibiron unha axuda económica diaria.

Este programa integrado de emprego, o terceiro que se levou a cabo na Laracha, é un exemplo máis das accións que en políticas activas de emprego se desenvolven no Concello grazas á cooperación coa Xunta de Galicia.