Candela Garea Martínez e Diana Rivadas Porteiro, de 2º da ESO do IES de Ponte Carreira, comezaron hoxe a elaborar un graffiti no muro exterior do polideportivo de Abellá coa imaxe da campaña deste ano
A lenda “Con valentía podemos vencer” é a escollida este ano para protagonizar a campaña municipal do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, do Concello de Frades. Unha proposta realizada por Candela Garea Martínez e Diana Rivadas Porteiro, de 2º da ESO do IES de Ponte Carreira, que gañaron o concurso no que tomou parte todo o alumnado do instituto.
Finalmente o xurado, integrado por profesorado do IES e técnicas municipais, escolleron a proposta de Candela e Diana que, ademais de ser recollida en camisetas, adhesivos e carteis, tamén será inmortalizada nun graffiti no polideportivo municipal de Abellá. Un debuxo que comezaron a elaborar esta mañá, co apoio do concelleiro de Ensino, Manuel Ferreiro Marzoa, quen mañá venres 18 de novembro presentará esta campaña a todo o alumnado do IES de Ponte Carreira.
Resto da programación
A programación do 25N completarase coa instalación dunha mesa informativa no Concello, onde se repartirá material informativo para sensibilizar á veciñanza sobre a eliminación da violencia contra a muller, que terá lugar o vindeiro luns 21 de novembro. Así mesmo, o graffiti que están a elaborar Candela Garea e Diana Rivadas será presentado ao público o xoves 24 de novembro.
Finalmente, o venres 25 de Novembro repartiranse camisetas co debuxo e a lenda “Con valentía podemos vencer” entre todos os nenos e nenas do CPI de Ponte Carreira. Ás 13:30 horas terá lugar a lectura do manifesto “Con valentía podemos vencer” diante da Casa do Concello.