Thursday 21 de November de 2024

Unha exposición amosa a evolución do Círculo de Artesáns durante os seus 175 anos de existencia


A mostra está organizada pola Sociedade Filatélica en colaboración co Concello

Estará aberta ata o 8 de decembro na Casa de Cultura Salvador de Madariaga

Unha exposición recolle desde este xoves a historia e traxectoria do Círculo de Artesáns da Coruña durante os seus 175 anos de existencia. A mostra, organizada pola Sociedade Filatélica da Coruña en colaboración co Concello, permanecerá aberta ata o 8 de decembro na Casa de Cultura Salvador de Madariaga, en Durán Loriga.

Jesús Celemín, concelleiro de Educación, Memoria Histórica, Innovación, Industria e Emprego; foi o encargado de levar a cabo a inauguración da exposición xunto ao presidente da Sociedade Filatélica, José Luis Rey Barreiro e o presidente do Círculo de Artesáns, Roberto Parga.

Na mostra pódese percorrer a historia e a propia evolución do Círculo de Artesáns a través de selos, cartas, documentos, libros e mesmo de obxectos históricos propiedade do propio Círculo coruñés.

Para iso, a Sociedade Filatélica contou con diversas coleccións chegadas de diferentes puntos de España, ademais das propias da sociedade, xa que haberá elementos procedentes de coleccionistas de Asturias, Santander, País Vasco, Madrid, Galicia e Andalucía, ao que se suman outras dez coleccións achegadas pola entidade organizadora. Unha colaboración importante para completar a exposición foi tamén a do Arquivo Histórico Municipal.

Co motivo da conmemoración da que é a mostra anual da Sociedade Filatélica editáronse selos personalizados, cuños e medallas conmemorativas. A anterior mostra anual estivo dedicada a Emilia Pardo Bazán.

Ao mesmo tempo, formando parte da exposición amósase o proxecto “A Coruña de todos, con cultura accesible e inclusiva”, presentada pola Sociedade Filatélica á sétima Convocatoria de Cultura Accesible e Inclusiva da Fundación Emalcsa.

A mostra pretende lembrar o gran labor cultural e social que desenvolveu o Círculo de Artesáns desde os seus inicios, tendo en conta ademais que estivo directamente conectado coa filatelia xa que en numerosas ocasións os seus locais acolleron actos onde os selos foron os protagonistas.

O Círculo de Artesáns fundouse por un grupo de coruñeses que querían ter un punto de encontro para os comerciantes da cidade e ao longo dous seus 175 anos acolleu a numerosas figuras importantes da sociedade galega. Escritores, políticos e mulleres atoparon no seu espazo un lugar para o diálogo, o enriquecemento colectivo e o desenvolvemento intelectual.

Foi no Círculo de Artesáns onde tivo lugar a primeira homenaxe a Rosalía de Castro e onde naceu a primeira Orquestra Sinfónica de Galicia. Tamén participou activamente na creación da Cociña Económica da cidade e recibiu a medalla de honra da Cruz Vermella Española polo labor de auxilio aos soldados feridos na Guerra de Cuba.