Friday 22 de November de 2024

A Xunta pon en valor o traballo de Down Coruña pola integración laboral das persoas con discapacidade


— Defende que todas as administracións deben apoiar aquelas medidas destinadas a garantir o acceso ao mundo laboral das persoas con discapacidade

— O Goberno galego incrementará nos orzamentos do vindeiro ano 2023 nun 16% os fondos destinados a esta materia ata os 165 millóns de euros

O director xeral de Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, visitou esta mañá o quiosco Down Experience situado na praza de Ourense, unha iniciativa impulsada por Down Coruña e que promove o emprego entre as persoas con discapacidade. Durante a visita puxo en valor o traballo desta entidade e defendeu que todas as administracións deben apoiar aquelas medidas destinadas a garantir o acceso ao mundo laboral das persoas con discapacidade por ser un garante dunha vida autónoma e participativa.

Down Experience é unha iniciativa pioneira que promove a creación de empresas que lle demostren á sociedade que as persoas con síndrome de Down e outras discapacidades son capaces de emprender. O director xeral sinalou que proxectos coma este permiten seguir avanzando cara unha sociedade máis inclusiva na que as persoas con discapacidade teñen unha oportunidade para vivir unha vida plena.

González Abeijón destacou que a Xunta seguirá promovendo, da man das entidades sociais como Down Galicia, medidas que axuden ás persoas con discapacidade a acadar esta meta. Mostra disto, é que os orzamentos do Goberno galego para o vindeiro ano 2023 incrementan nun 23% os fondos destinados a esta materia ata os 165 millóns de euros.