Friday 22 de November de 2024

A mellora da contorna do centro social de Vixoi executarase a través dos orzamentos participativos


· A proposta, que se incorporará na partida de equipamentos do orzamento municipal para 2023, foi seleccionada entre as 52 opcións presentadas.

· Outra das ideas presentadas, a creación dunha senda en Santa Marta, xa estaba prevista e tamén se executará.

· A persoa que presentou a proposta elixida leva un vale de 100 euros e as seguintes 15 mellores un de 20 euros cada unha.

O Concello de Bergondo elixín como a opción máis viable dentro do proceso de orzamentos participativos para 2023 a mellora da iluminación e diversos arranxos na contorna do centro social de Vixoi ‘Luisa Viqueira Landa’, presentada por Juan Carlos Lamas Carro en representación da Asociación de Veciños de Vixoi.

A proposta, que se incorporará na partida de equipamentos do orzamento municipal para 2023, foi seleccionada entre as 52 opcións presentadas. Ademais, outra das ideas presentadas, a creación dunha senda en Santa Marta, xa estaba prevista na folla de roteiro para 2023 e, por tanto, tamén se executará.

Ademais, as mellores propostas levan premio, en forma de bonos para gastar no comercio local. Así, a persoa que presentou a proposta elixida leva un vale de 100 euros e as seguintes 15 mellores, que están publicadas na páxina web municipal (www.bergondo.gal) un de 20 euros cada unha. A maiores, a idea de creación dunha senda en Santa Marta, tamén recibirá un bono de 20 euros.

Entre as presentadas atópanse ideas que o goberno local considera interesantes pero que non se adaptaban a este proceso ou que se terán en conta para incluílas noutros paquetes de investimento ou en solicitudes de subvención a outras administracións como: creación dunha escola de música e un local multiusos, instalación de resaltos en Aldea Moruxo, apertura e xestión da Casa dá Xuventude, creación dun espazo para lecer xuvenil, elementos de seguridade na contorna do parque de Fiobre, ou melloras para o escenario da Senra.

“Hai outras moi boas como a creación dun skate park pero para as que, urbanisticamente, non hai unha localización física dispoñible a día de hoxe aínda que, tanto esta como outras, terémolas en conta porque son moi boas propostas para o futuro”, explican desde o goberno local.

Aposta pola calidade en lugar da cantidade

O Concello de Bergondo retomou, tras o parón provocado pola pandemia, os seus orzamentos participativos, que alcanzan xa a quinta edición, e fíxoo reforzando a súa aposta por este proceso, ao que destinou un máximo de 100.000 euros para financiar a mellor das propostas recibidas.

Nesta ocasión o Concello decidiu darlle unha volta de porca a este sistema, buscando ampliar o abanico e que os veciños e veciñas de Bergondo teñan a posibilidade de presentar proxectos máis ambiciosos. “Optamos pola calidade en lugar da cantidade”, explican desde o goberno local, facendo referencia a que “cremos que pode ser máis produtivo que leve a cabo só un proxecto, pero que este sexa de calado, a escoller varios pero pequenos”.

Os requisitos principais para a admisión de propostas, ademais de estar empadroado ou residir en Bergondo, eran: que fosen viables, que a súa execución dependese do Concello e non doutras administracións, e que tivesen un interese xeral ou parroquial. “O obxectivo dos orzamentos participativos é que os veciños e veciñas participen no desenvolvemento do municipio, por iso rexéitanse as propostas que só resolvan unha necesidade ou demanda moi particular”, subliñan.